Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello tratará de volver a poñer en marcha os paneis solares do Ceao, que levan máis dun ano sen producir enerxía


# Luns, 30/01/2012
A planta solar experimental tivo un custo de 756.000 euros e contou cunha subvención do Ministerio de Industria de 181.000 euros

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, Paz Abraira, encargou un informe para avaliar “o estado real das instalacións a día de hoxe e coñecer o custo que tería a súa posta en funcionamento de novo”

A concelleira de lnfraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, informou esta mañá de que o Concello de Lugo tentará volver poñer en funcionamento a área de novas tecnoloxías do Ceao, que leva máis dun ano parada. Ao remate da Comisión de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas, que analizou a situación destas instalacións, a responsable de Infraestruturas indicou que foi encargado un informe técnico para avaliar o estado real da planta de enerxías renovables, así como o custo necesario para a súa posta en funcionamento.

Paz Abraira explicou que este proxecto custou no seu momento 756.000 euros e contou cunha subvención do Ministerio de Industria de 181.000 euros. Neste momento non está a producir enerxía por unha serie de problemas nestas instalacións. A concelleira nacionalista explicou que houbo “deficiencias construtivas que non foron subsanadas por parte da empresa adxudicataria polo que a obra non foi aínda recibida polo Concello, que se incautará da garantía depositada”.

A responsable de Infraestruturas anunciou que ademais de funcionar como centro experimental e de divulgación das enerxías alternativas, o Concello tentará sacarlle un rendemento económico tanto ás placas solares como ao aeroxenerador, para que produzan ingresos ao Concello, pero xa avanzou que “vai custar cartos volver a poñelo en funcionamento”. A decisión final que se tome en relación a estas instalacións vai depender deses custos.

Con todo, Paz Abraira reiterou que o obxectivo no que se traballa inclúe tres eixos fundamentais:
- valorizar as instalacións xa construídas mediante a súa posta en funcionamento.
- evitar deste xeito ter que devolver ao Ministerio a subvención de 181.000 euros concedida no
seu momento.
- aproveitar as primas autorizadas ao Concello para a produción de enerxías limpas alternativas

A responsable de Infraestruturas e Axenda 21 indicou que a solución a estas instalacións será incluída dentro das actuacións enmarcadas dentro da Axenda 21 como medida de promoción das enerxías limpas e de concienciación social de uso responsable das fontes de enerxía.

http://www.lugo.es/ws/axenda21


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova