Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao presenta a cidade de Lugo como destino de turismo gastronómico na feira 'Xantar' que se celebra en Ourense


# Xoves, 02/02/2012
A cidade de Lugo estará presente no Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar que se desenvolve na cidade das Burgas ata o 5 de febreiro

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Mañá coñecerase a cidade gañadora do certame estatal Capital da Gastronomía 2012

O tenente alcalde de Lugo e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe a oferta gastronómica, cultural e turística da cidade de Lugo na feira internacional Xantar que estes días se celebra en Ourense. Antón Bao destacou as posibilidades da nosa cidade no eido do turismo gastronómico e adiantou que xunto ao turismo cultural e ao turismo de natureza, será un dos eixos da promoción da cidade para situar a Lugo nun lugar destacado como destino turístico.

Xunto a representantes do sector da hostalaría de Lugo, Antón Bao participou nos actos adicados a Lugo dentro da feira e participou tamén na presentación do Entroido Ourensán xunto coa tenente alcalde de Ourense, Isabel Pérez.

O San Froilán esta presente este ano como Festa de Interese Turístico no Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar 2012 que se celebra en Expoourense do 1 ao 5 de febreiro. A cidade de Lugo conta cun stand propio e está representada neste salón gastronómico polo restaurante Mesón de Alberto, que presenta un menú degustación representativo da gastronomía de Lugo, pensado nos produtos da provincia e onde non falta o polbo nin os grelos.

MENÚ: FESTAS DE SAN FROILÁN - LUGO
- Crema de marisco con froitos de Galicia
- Polbo encebolado con pataca
- Grelos con marisco
- Carrilleira de porco estufada con arroz de boletus
- Torta de Santiago con redución de viño doce e xeado de mandarina
Pan e Viño D.O. Ribeira Sacra branco Regina Viarum e tinto Vía Romana

Xantar 2012 pretende poñer en valor a gastronomía como reclamo turístico de primeiro nivel. Este Salón da Gastronomía e o Turismo, que chega xa á súa XIII edición, marca o inicio do calendario das máis de 300 festas gastronómicas que hai en Galiza e prestará este ano especial atención a aquelas declaradas de Interese Turístico, entre as que está o San Froilán de Lugo.

Na 13ª edición de Xantar participan un total de 19 restaurantes, o 58% dos cales son galegos, aínda que hai lugar tamén para as comunidades autónomas invitadas e para varias rexións turísticas de Portugal, ademais de Azores, que será a convidada especial deste ano. En total, ofrécense máis de 30 menús, entre os 12 e os 32 euros, baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade.

Mañá coñecerase a cidade gañadora do certame ‘Capital Española da Gastronomía 2012’

Antón Bao defendeu que “a gastronomía debe ser un dos piares do despegue turístico de Lugo” e anunciou que o Concello está traballando xa coa Asociación de Empresarios de Hostalaría nun “proxecto de envergadura para colocar a gastronomía de Lugo no primeiro nivel do panorama estatal”.

Dentro deste obxectivo inscríbese a candidatura a ser Capital Española da Gastronomía 2012. O fallo do xurado deste certame, auspiciado pola Federación Española de Hostelería (FEHR) e a Federación Española de Periodistas y Escritores de Turismo (FEPET), coñecerase mañá. A cidade de Lugo compite para conseguir este título con outras cinco urbes: Donostia, Logroño, Oviedo, Salamanca e Santiago de Compostela.

A candidatura presentada pola cidade de Lugo, en colaboración coa área de Turismo da Deputación, a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galiza e a Asociación Provincial de Hostalaría, engloba ademais a 13 denominacións de orixe que ofrece a provincia de Lugo.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova