Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acada a terceira posición no certame estatal de cidades Capital da Gastronomía 2012


# Venres, 03/02/2012
Logroño resultou escollida cidade gañadora e Valladolid quedou en segundo lugar

O tenente alcalde, Antón Bao, destaca que a candidatura de Lugo conseguiu aunar ao sector e ás distintas administracións e anuncia que o Concello volverá presentarse o vindeiro ano a este galardón polas posibilidades de promoción exterior que ofrece

Lugo acadou finalmente o terceiro posto no certame a nivel estatal que escollía á Capital Española da Gastronomía 2012. Lugo convértese así na terceira cidade gastronómica do estado, por detrás tan só de Logroño e Valladolid neste galardón outorgado pola Federación Española de Hostelería (FEHR) e a Federación Española de Periodistas y Escritores de Turismo (FEPET).

Era a primeira vez que a cidade de Lugo competía nun certame deste tipo. O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao cualificou como “moi positivo” o terceiro posto acadado e anunciou que o Concello de Lugo volverá presentar a súa candidatura para a edición do vindeiro ano co obxectivo de “colocar a gastronomía de Lugo no primeiro nivel do panorama estatal”.

O fallo do xurado, coñecido esta mañá en Madrid, valorou a calidade dos produtos da nosa provincia e o esforzo dos hostaleiros e profesionais lucenses por mellorar nos últimos anos tanto no servizo aos clientes como na presentación dos distintos produtos elaborados.

A cidade de Lugo competía con outras 9 cidades de todo o estado por este galardón: Sevilla, Logroño, Xixón, Segovia, Cidade Real, Oviedo, Valladolid, Granada e Santiago de Compostela. “Penso que este terceiro posto é moi meritorio e anímanos a seguir traballando e a volver presentarnos o vindeiro ano con máis gañas e máis forza para acadar este galardón”, afirmou Antón Bao, que defendeu que “a gastronomía debe ser un dos piares do despegue turístico de Lugo, xunto ao turismo cultural e ao turismo de natureza”.

“Conseguimos un dos obxectivos cos que nos presentabamos a este certame, que era posicionarnos na elite das cidades gastronómicas do estado e iso ábrenos moitas posibilidades de promoción exterior da nosa cidade”, afirmou Bao, que lembrou que “o turismo gastronómico atraeu a seis millóns de visitantes o pasado ano ao estado español e queremos estar nese mercado”, dixo.

Unha candidatura que conseguiu aunar a todas as Administracións

A candidatura presentada pola cidade de Lugo, en colaboración coa área de Turismo da Deputación, a Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galiza e a Asociación Provincial de Hostalaría, englobaba ademais ás 13 denominacións de orixe que ofrece a provincia de Lugo. Este foi un dos feitos que salientou hoxe Antón Bao, que animou a “aproveitar esa experiencia e traballar en conxunto de cara ao futuro”. “Convido a todos os que participamos nesta candidatura conxunta a seguir traballando deste xeito na promoción e difusión turística de Lugo”, remarcou.

Precisamente, un dos feitos valorados na candidatura de Lugo por parte do xurado foron as materias primas e os ingredientes utilizados na nosa cociña, que lle outorgan á gastronomía lucense un conxunto de características e propiedades específicas, tanto dende a perspectiva da calidade comercial como dende a calidade diferenciada. Neste último ámbito, Lugo conta con distintos produtos de referencia, distinguidos con figuras de protección da calidade alimentaria de ámbito europeo, como diversas Denominacións de Orixe Protexida (DOP) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXT), ademais de ser unha rexión referente na produción da agricultura ecolóxica certificada.

Froito dos contactos realizados dende o Concello, acadouse o respaldo para a candidatura de Lugo dos seguintes consellos reguladores e denominacións de orixe:

- Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) - Consello Regulador da IXP Castaña de Galicia
- Consello Regulador da IXP Lacón Gallego
- Consello Regulador da IXP Mel de Galicia
- Consello Regulador da DOP Ribeira Sacra
- Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia
- Consello Regulador da IXP Ternera Gallega
- Consello Regulador da DOP Queso de Arzúa-Ulloa
- Consello Regulador da DOP Queso do Cebreiro
- Consello Regulador da DOP Queixo de Tetilla
- Consello Regulador da DOP Queso San Simón da Costa
- Consello Regulador da DOP Augardente e Licores de Galicia
- Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá

Ademais, a Confederación de Empresarios de Lugo, a Cámara de Comercio de Lugo, a Federación Gallega de Comercio, a Federación de Comercio de Lugo e a Asociación Lugo Centrum tamén manifestaron o seu apoio a través de cartas enviadas ao tenente alcalde, Antón Bao, que aproveitou a ocasión para agradecer a todas estas institucións a súa valiosa colaboración.

Calidade, tradición e honestidade

Para participar, dende a concellería de Turismo, a APEHL e a área de Turismo da Deputación provincial preparouse un dossier no que se glosan os puntos fortes da gastronomía de Lugo que se poden resumir en tres conceptos: “calidade, tradición e honestidade”. A fusión da horta galega, a pesca do Cantábrico e a gandería autóctona permiten crear pratos de sabores poderosos e harmónicos e de saudables aportes nutritivos. Este é un dos motivos polos se poden cualificar de honesta á cociña lucense: pois non ten máis pretensión que a de ofrecer o sabor auténtico conseguido co máximo respecto aos tempos de cocción e polo amor ao produto, porque como é da terra quérese e valórase como propio.

Outro dos puntos fortes que destacou Antón Bao na presentación da candidatura lucense foi o éxito de participación, tanto de público como de establecementos colaboradores, en todos os eventos gastronómicos que se organizan na cidade como no seu día o Comilonum, as casetas de polbo durante o San Froilán, os Concursos de Tapas, as Xornadas Gastronómicas ou os menús de tempada que se empezaron a celebrar na pasada ponte de decembro.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova