Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello inviste 174.000 euros na renovación da rúa Monte Pico Sacro, no barrio das Gándaras


# Martes, 07/02/2012
A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, visitou a obra acompañada de técnicos municipais para resolver sobre o terreo xunto cos veciños algún detalle desta actuación

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A responsable de Infraestruturas defendeu a necesidade dunha maior atención aos barrios periféricos por tratarse dos que máis carencias teñen

O Concello de Lugo está a investir máis de 174.000 euros na renovación e mellora da rúa Monte Pico Sacro, no barrio das Gándaras. As obras, que xa comezaron, consistirán na renovación das redes de abastecemento e saneamento en toda a rúa, a execución dunha nova instalación de alumeado público, así como a renovación de pavimentos de calzada e beirarrúa en todo o ámbito de actuación.

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, visitou a obra acompañada de técnicos municipais para resolver sobre o terreo, xunto cos veciños, algún detalle desta actuación, como os relativos aos garaxes. De común acordo cos veciños, o Concello encargarase de facer os rebaixes na beirarrúa para aqueles veciños que así o solicitaran, de maneira que a rúa quedará completamente rematada e coas distintas pasaxes xa contempladas.

A concelleira nacionalista defendeu este xeito de facer as obras, “falando cos veciños” e indicou que “a área de Infraestruturas seguirá apostando, na medida das posibilidades económicas, por actuacións nos barrios do extrarradio, como esta nas Gándaras, por tratarse das zonas da cidade que presentan máis deficiencias”.

A rúa Monte Pico Sacro presentaba un evidente deterioro e deficiencias importantes en canto a servizos e seguridade vial. Agora proxéctase unha rúa con beirarrúas a ambos lados, un carril de circulación en sentido único e aparcamento en liña nunha das marxes da rúa. O prazo de execución é de 4 meses, polo que se prevé que estea rematada a finais de abril. Adxudicouse á empresa Asogal por un importe de 174.795,76 € (IVE incluído).

Outras actuacións en marcha

Continúan tamén en marcha neste momento as obras que se están a acometer noutros dous puntos da cidade, concretamente na rúa da Industria, o principal vial de comunicación do Polígono Industrial do Ceao, e na rúa Otero Pedrayo, que mantén cortado o carril de baixada dende a a Avenida da Coruña no tramo comprendido entre Río Eo e Río Sil

Os cidadáns e os automobilistas teñen puntual información sobre o estado das obras na cidade e os desvíos e cortes de tráfico previstos na web www.lugo.es: estado das obras

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova