Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello reducirá de 6.000 a 500 euros anuais a súa aportación á Rede de Cidades Catedralicias


# Mércores, 08/02/2012
As 19 cidades que compoñen esta rede, entre elas Lugo, decidiron o pasado venres nunha reunión celebrada en Burgos reducir os gastos de funcionamento

O tenente alcalde, Antón Bao, anuncia que o Concello analizará unha por unha a utilidade da pertenza a determinadas asociacións turísticas

O tenente alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, anunciou esta mañá, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que o Concello reducirá de 6.000 a 500 euros anuais a súa aportación á Rede de Cidades Catedralicias. O responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, que xustificou esta decisión como unha “medida de aforro” baseada na “pouca actividade e utilidade que esta Rede está a ter para o Concello de Lugo”, avanzou que o seu departamento analizará unha por unha a utilidade da pertenza a determinadas asociacións de carácter turístico. “Debemos estudar o como, o por que e o para que estamos de determinados sitios”, dixo.

Antón Bao explicou que a cidade de Lugo entrou nesta rede no ano 2005. O pasado venres celebrouse en Burgos unha reunión das 19 cidades que integran a Rede de Cidades Catedralicias (Lugo, León, Burgos, Tudela, Zaragoza, Lleida, El Burgo de Osma, Salamanca, Ávila, Alcalá de Henares, Cuenca, Coria, Plasencia, Badajoz, Córdoba, Jaén, Baeza e Las Palmas de Gran Canaria) á que asistiu o tenente alcalde e na que se decidiu reducir considerablemente os gastos de funcionamento da entidade. As medidas que se tomarán serán a de pechar a sede física que esta entidade tiña en Plasencia e prescindir dos dous traballadores que había contratados.

Ao mesmo tempo, analizouse a situación contable da entidade, na que quedou ao descuberto que a Rede ten débedas porque hai concellos que non pagan. O Concello de Lugo está ao día no pago, polo que se acordou para estes casos reducir a súa aportación, que no caso do Concello de Lugo pasará de 6.000 euros anuais a unha cantidade que estará entre os 250 e os 500 euros, segundo explicou hoxe Antón Bao. “A viaxe a Burgos foi produtiva, posto que lle aforramos ao Concello de Lugo máis de 5.000 euros”, indicou o tenente alcalde.

A partir dagora esta Rede terá sede rotatoria en cada unha das 19 cidades que a compoñen. Este ano a presidencia, e polo tanto tamén a sede física, ostentaraa Burgos. Entre as finalidades desta Rede de Cidades Catedralicias está a da promoción turística conxunta. Neste sentido, Bao adiantou que entre as actividades previstas para este ano está un concurso de fotografía a nivel estatal sobre as Catedrais e a elaboración de paquetes turísticos conxuntos.

www.ciudadescatedralicias.org


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova