Imprimir

UNHA EXPOSICIÓN PERMITE VISITAR EN LUGO ATA O 28 DE MARZO AS DISTINTAS ESTANCIAS DUNHA CASA ROMANA


8/2/2012 A mostra, inaugurada hoxe, conta cunha espectacular montaxe que permite experimentar os cheiros e ruídos propios da vida nas cidades romanas

Unha exposición inaugurada hoxe en Lugo permitirá aos visitantes pasear por unha cidade romana e mesmo recrear os cheiros e ruídos das súas rúas e prazas e adentrarse na vida dunha casa da época, coas súas distintas estancias e utensilios. A mostra, que foi inaugurada hoxe polo tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, xunto ao secretario xeral da Fundación La Caixa, Luis Reverter, o delegado de La Caixa en Galicia, Marc Benhamou, e o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco, poderá visitarse ata o 28 de marzo.

Esta exposición, que chega a Lugo grazas á obra social de La Caixa, convídanos a pasear por unha cidade romana reconstruída a partir de descricións literarias e testemuñas arqueolóxicas de hai 2.000 anos. Nunha carpa de 20x20 metros ubicada na Horta do Seminario, 400 metros cadrados de exposición innovadora recrean unha cidade romana do século I, como podería ser Lugo nesa mesma época, cos seus cheiros, os seus ruídos, a súa vida cotiá, segundo explicou Antón Bao. “A exposición non só mostra espacialmente o que é a vida nunha cidade romana senón que tamén nos permitirá sentir sensacións como os olores daquelas cidades romanas”, precisou. Será a única oportunidade de vela en Galiza, a onde chega procedente de outras cidades de orixe romano, como Tarragona, Córdoba ou Zaragoza. Despois de Lugo visitará Mérida.

A mostra, que mestura obxectos reais e recreacións audiovisuais, permite ademais establecer paralelismos entre as nosas actuais cidades e as cidades romanas, normalmente superpoboadas e cheas dun bulir continuo de xente. A exposición detalla elementos importantes da vida dos romanos, como o foro ou as crenzas e rituais relixiosos.

Antón Bao expresou na inauguración o “privilexio” de contar en Lugo cunha mostra deste tipo. “Nós camiñamos todos os días sobre unha cidade romana, pero grazas a esta exposición poderemos adentrarnos na vida daquela época”, explicou o tenente alcalde. Bao indicou que esta exposición é “un complemento á oferta expositiva que sobre o mundo romano ofrece a cidade de Lugo nos museos da nosa cidade, como o Centro de Interpretación da Muralla, a Casa dos Mosaicos ou o Templo de Mitra”.

Nun mes abrirase ao público o Museo Interactivo da Historia de Lugo

Antón Bao explicou que no prazo dun mes máis ou menos abrirá ao público o MIHL, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, construído no parque de Frigsa e que recrea a historia da cidade de Lugo dende a súa fundación polos romanos no ano 14 a.C. O responsable de Cultura explicou que o material expositivo está listo e que unicamente faltan por solucionar algúns aspectos como a alta eléctrica ou algunhas medidas de seguridade.

O tenente alcalde indicou que esta nova instalación virá a completar a rede de centros municipais onde se expoñen achádegos arqueolóxicos vinculados co pasado de Lugo e deu o dato de que o pasado ano 18.000 persoas visitaron os distintos museos dependentes do Concello.

Visitas guiadas para escolares

A exposición inaugurada hoxe, que leva por título Romanorum Vita, estará en Lugo ata o 28 de marzo. A entrada será de balde e poderase visitar de luns a venres de 12:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas; nas fins de semana e os festivos os horarios de visita serán de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Esta mostra conta ademais cun complemento didáctico moi importante pensado para a visita de colexios e centros de ensino.

Pola súa banda, o secretario xeral da Fundación La Caixa, Luis Reverter, explicou que cando deseñaron esta mostra pensaron en Lugo como un dos lugares obrigados onde expoñela polo seu pasado romano. O alcalde de Lugo, José López Orozco, destacou a importancia que teñen este tipo de exposicións para Lugo e afirmou que “grazas a esta podemos dicir que hoxe comeza o Arde Lucus”. López Orozco tamén fixo fincapé na necesidade de seguir mantendo esta colaboración para que todos os anos os lucenses poidan desfrutar de novas exposicións e agradeceu a La Caixa que “sempre pensen na nosa cidade para seguir desfrutando de actividades con moito valor e respecto á nosa lingua”.