Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Concello, Deputación e Fundación da Construción forman en cantería a 15 desempregados para a súa inserción laboral


# Luns, 13/02/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

- Orozco, Besteiro e Trinidad visitaron ós participantes no curso de rehabilitación en pedra natural, incluído no 1º Plan de formación especializada neste sector impartido en Lugo, que financia ó 100% a institución provincial, con 150.000 euros

- A rehabilitación é un novo nicho de emprego na provincia xa que, segundo a Federación Galega de Construción, só en obra pública se triplicouse o seu investimento, pasando de 1,8 millóns de euros en 2010 a superar ós 5 millóns de euros o ano pasado

- Meses atrás, co Plan Urban, ditas institucións organizaron outro curso de cantería cuxos participantes comezarán a traballar nos vindeiros días na rehabilitación do Vello Cárcere lugués

- Os beneficiados desta nova acción formativa, que percibirán unha axuda mensual de 360 euros dende marzo e ata xuño, rehabilitarán lavadoiros, cruceiros, balados ou fontes do Concello lugués


O Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Fundación Laboral da Construción, Hipólito Trinidad, visitaron este luns as instalacións que a fundación ten emprazadas na parroquia luguesa de Vilaesteve para manter un encontro cos 15 desempregados lucenses que se están a beneficiar, a custe cero, do curso práctico e remunerado sobre cantería impulsado por Concello, Deputación e Fundación Laboral da Construción. Trátase da 1º acción formativa do Plan de formación especializada e cualificada no sector da rehabilitación en pedra natural posto en marcha a comezos deste mes ó abeiro dun convenio asinado polos titulares de ditas tres institucións, e a través do cal o organismo provincial financia ó 100% esta programación con 150.000 euros, a entidade municipal asume a xestión administrativa e a selección de alumnos, mentres que a fundación facilita as súas dependencias, así como a experiencia na formación de profesionais en todas as especialidades da construción.

López Orozco subliñou que “para ter emprego é fundamental a formación. Por iso, aproveitamos este convenio co fin de crear novos postos de traballo. Como exemplo das oportunidades laborais deste sector, avánzolles que grazas ó curso de cantería que desenvolvemos Concello, Deputación e Fundación Laboral cos fondos europeos do Plan Urban, partes dos seus beneficiados comezarán a traballar nos vindeiros días co inicio das obras de rehabilitación do Vello Cárcere. O proxecto esta licitado polo que arrancará a finais desta semana ou a comezos da que vén”.

Pola súa parte, Gómez Besteiro destacou que “as cifras que manexa o sector da construción sosteñen que a rehabilitación vai a máis. De feito, as propias institucións públicas invisten máis neste sector, triplicándose o seu investimento en Lugo nos últimos. Ademais, cada vez se demandan máis os traballos de recuperación do patrimonio cultural. En definitiva, todo isto é cantería, é futuro”.

Un novo nicho de emprego

A rehabilitación é un novo nicho de emprego na provincia xa que, segundo datos da Federación Galega da Construción, só en obra pública se triplicou o seu investimento nun ano. Deste xeito, durante 2010 en Lugo adicouse 1.886.849 euros na rehabilitación de edificios mentres en 2011 o investimento incrementouse ata os 5.179.725 euros. Na provincia existen algo máis dunha decena de empresas especializadas no tratamento da pedra, sendo a de Ingemarga, situada na localidade de Parga, en Guitiriz, unha das máis grandes de España. Conscientes do xiro nas políticas laborais na industria da construción, onde baixou de xeito notable a realización de novas edificacións, dando paso á rehabilitación e facendo necesaria a profesionalización deste sector; e tendo en conta as oportunidades laborais en Lugo, Deputación e Concello sumaron esforzos coa Fundación Laboral de Construción mediante este Plan de formación que permite facer fronte á taxa de paro na construción, así como aumentar a competitividade e produtividade das empresas coa incorporación de persoal con formación nesta materia.

Inmediata inserción laboral

Non é a primeira vez que ditas administracións impulsaron actividades semellantes. Meses atrás, celebraron outro curso de cantería, nesta ocasión a cargo dos fondos europeos do Plan Urban, no que participaron outros 10 desempregados lucenses que, tal e como avanzou Orozco, insertaranse laboralmente grazas ás obras de rehabilitación do Vello Cárcere que arrancarán nos vindeiros días. Co fin de explotar o sector da rehabilitación en pedra e seguir xerando riqueza na provincia, a Deputación asignou 600.000 euros do seu Orzamento para 2012 á transformación do Taller Mallo de Begonte - o único na provincia no que se elaboran pedras artesanais- nun centro educativo de Formación Profesional sobre a cantería, rehabilitación e construción, así como en locais onde os emprendedores poidan desenvolver a súa actividade. Na actualidade, a institución aproveita estas instalacións provinciais levando alí os materiais sobrantes de obras para o seu reciclaxe e posterior utilización noutras construcións ou zonas verdes, aforrando custes. Deste xeito, con esta iniciativa educativa de futuro o Taller Mayo, que conta con 5.000 metros cadrados, gaña funcionalidade pública.

Prácticas remuneradas

Este segundo curso de cantería en Lugo e o 1º do Plan de formación especializada, que comezou a desenvolverse a comezos de febreiro cun horario de 8:00 horas ás 15:00 horas, prolongarase ata 20 de xuño. Son en total 640 horas teóricas e prácticas, que consisten na rehabilitación de pequenas edificacións e espazos públicos, tales como lavadoiros, cruceiros, balados ou fontes, situados no Concello lugués. A partires de marzo, os participantes comezarán a percibir unha axuda aproximada de 360 euros ó mes, xa que, tal e como versa o convenio, non poderá superar o 75% do IPREM –Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples- para 2012.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova