Imprimir

ANTÓN BAO ANUNCIA MELLORAS NA XESTIÓN DO AUDITORIO GUSTAVO FREIRE


13/2/2012 Mentres non se constrúa o novo auditorio de Lugo o concello converterá o Gustavo Freire no epicentro da vida cultural lucense

O tenente alcalde do concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, anunciou esta mañá que o goberno municipal mellorará a xestión do auditorio municipal Gustavo Freire. Bao indicou que as melloras irán en dous sentidos “no que atinxe, por unha banda, á produción de espectáculos e actividades culturais e tamén, por outra banda, á venda de entradas”. Segundo Antón Bao tanto a produción dos espectáculos como a venda de entradas estase a contratar dende o concello de xeito puntual para cada evento.

De cara a optimizar os recursos para a produción de eventos o concello elaborará un proxecto, a través dun prego de cláusulas de contratación, que defina os usos do auditorio. Isto permitirá, segundo Antón Bao, “un aforro económico e mellorar os aspectos relacionados coa produción dos espectáculos que alí se realicen”. Antón Bao sinalou que o concello está elaborando unha programación anual específica destinada ao auditorio e traballando para facelo accesible a eventos culturais que poidan enriquecer a programación cultural da cidade.

Antón Bao sinalou, tamén, que se mellorará o sistema de venda de entradas a través de Internet. O concello está estudando o método a adoptar que pode ser a través da concesión a unha entidade externa ou ben da venda a través da propia web municipal. O novo sistema permitirá coordinar, de xeito eficiente, as ventas coa oficina municipal de turismo e co propio auditorio. Para a implantación do sistema o concello terá que instalar unha liña de Internet da que hoxe carece o auditorio. Bao sinalou que, con esta mellora, “pretendemos evitar que se repitan situacións como as vividas durante a Mostra de Teatro Clásico”.