Cargando....
Concello de Lugo
17/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Carmen Basadre presentou as actividades semestrais da área de Xuventude


# Luns, 13/02/2012
As inscricións poderanse facer na Casa da Xuventude e na propia Concellería dende hoxe

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou o programa de actividades para este primeiro semestre do ano da área de Xuventude. Así, na Casa da Xuventude, celebraranse obradoiros de coiro, de abalorios, de encadernación, de marquetería e de reciclaxe. Neste mesmo espazo tamén se ofrecen cursos de linguas como o alemán e inglés e de informática. A inscrición pódese facer na propia Casa da Xuventude ata o 28 de febreiro, as actividades terán lugar a partir das 18:00 horas e unha duración de 3 meses xa que comezan en marzo e rematan en maio. Os diferentes obradoiros contan cun total de 39 horas distribuídas entre dous días á semana, o prezo é de 15,99 euros para os obradoiros e de 20,50 para os cursos de informática e linguas.

Tamén se van celebrar na Casa da Xuventude cursos formativos impartidos pola Cruz Vermella e que servirán para acreditar nos curriculum dos participantes os coñecementos adquiridos en ditas actividades formativas. Así, entre o 22 de febreiro e 11 de xullo impartirase un curso de iniciación á linguaxe de signos que contabiliza 150 horas e ten un prezo de matrícula de 25,75 euros. Do mesmo xeito, tamén se impartirá un curso de monitor de tempo libre de 200 horas máis 150 de prácticas en servizos da Concellería de Xuventude, o prezo de matrícula é de 51.50 euros e, en ambos cursos, remata o prazo de inscrición o sábado 18 de febreiro.

Na Casa da Música vanse realizar diferentes cursos de guitarra española, de técnica vocal, de guitarra eléctrica e de percusión. Os horarios oscilan entren ás 17:30 e as 20:30 horas e o prezo é de 10,25 euros. O prazo de inscrición remata o 27 de febreiro, agás que queden prazas sen cubrir que se manterá aberto ata completar o número. A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude tamén lembrou “que os últimos venres de cada mes pódese desfruncir de música en directo dos grupos noveis de Lugo a partir das 20:00 horas na Casa da Música”.

Carmen Basadre tamén lembrou que xa se están a celebrar outras actividades nesta área como a Movida Alternativa Xuvenil ou os Sábados +XTÍ e animou “ás familias a inscribirse nestes cursos e a que desfruncen da Casa da Xuventude, na que teñen salas de informática, xogos de mesa, hai un clube de cine, hai quedadas todos os sábados, hai viaxeteca e múltiples actividades nas que poden participar as familias.” Neste sentido tamén lembrou que o Concello de Lugo dispón dunha Asesoría Xuvenil na que os mozos e mozas da cidade poden solventar todas as dúbidas que teñan a nivel legal, psicolóxico ou sexual, e que está aberta en horario de 17:30 a 21:00 de luns a venres no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova