Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Hoxe publícase o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo no Boletín Oficial da Provincia


# Martes, 14/02/2012
O Alcalde destaca que o PXOM é a ferramenta coa que se desenvolverá o Lugo do século XXI

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

López Orozco agradece o labor dos concelleiros e persoal municipal que traballaron nun plan feito ó servizo da cidade

O Plan entrará en vigor dentro de quince días e tamén se pode consultar na web do Concello www.lugo.es


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, felicitáronse hoxe pola publicación do Plan Xeral de Ordenación Municipal no Boletín Oficial da Provincia. Este é o paso previo á entrada en vigor do PXOM de Lugo, que se producirá dentro de quince días,

O Alcalde destacou que “hoxe vemos cumprido un soño, froito de anos de traballo” e salientou que “se culmina un longo traxecto” para que Lugo conte cun plan que “recupera e revitaliza os nosos barrios, dotándoos de infraestruturas, espazos de comunicacións e dotacións, e todo sen perder a súa propia personalidade”. Tamén sinalou que o novo documento urbanístico “é un plan que nos permite facer cidade, cosendo os baleiros urbanos, é unha aposta moi clara por unha característica esencial deste concello, que nos diferencia doutras cidades, que é a nosa ruralidade, polo que o Plan aposta polos asentamentos rurais tradicionais, permitindo potencialos cun crecemento racional”. Para o Alcalde, “tamén é un plan que permite dotar ó noso concello de solo industrial, proxecta ás grandes infraestruturas do noso municipio e as grandes conexións co resto de Galicia e de España”. Ademais, “incorpora o río á cidade, pon en valor o noso patrimonio cultural cun catálogo de bens que é dez veces máis amplo co anterior catálogo e tamén potencia o medio natural, xa que o 80% do noso territorio ten algunha cláusula de defensa do patrimonio natural”.

Unha ferramenta ó servizo do futuro de Lugo

López Orozco tamén salientou que co novo Plan “temos un instrumento na man, para facer o concello do século XXI, de xeito que aqueles que nos sucedan disporán dunha ferramenta para continuar o desenvolvemento da cidade”.

Para o Alcalde, “hoxe é un día de felicidade tanto para o Equipo de Goberno como para o conxunto da Corporación” e lembrou “o amplo consenso político e social co que nace este Plan, do cal me sinto orgulloso”. Tamén remarcou que se trata dun documento urbanístico que “nace con luz e taquígrafos, como nunca naceu outro Plan na nosa cidade, e xa pode saír o sol por Antequera que este é un Plan feito ó servizo da cidade”. “Non está feito para favorecer ningún interese privado senón que é o interese de servir ó conxunto dos cidadáns de Lugo o único fundamento, a pedra angular sobre a que se monta este Plan”, salientou o Alcalde.

López Orozco expresou neste día o seu agradecemento “a quen, no seu día licitou a revisión do Plan, e ó traballo feito polos concelleiros de Urbanismo que traballaron nel, José Ramón Gómez Besteiro, Francisco Fernández Liñares, María Novo e Luis Álvarez, así como ós funcionarios do Concello, que lle adicaron moitas horas de traballo fóra da súa xornada laboral, e ós lucenses que fixeron suxestións e achegas”, xa que, lembrou, “nunca antes un Plan xeral estivo exposto dous meses ó público, co fin de que todos os cidadáns o coñeceran, e foi explicado ós veciños tanto polos funcionarios como polo Equipo de Goberno e os grupos políticos”.

As grandes cifras do planeamento

Pola súa parte, o Concelleiro de Urbanismo resumiu algúns dos aspectos máis salientables do Plan Xeral. Así, salientou que o Plan Xeral recolle a planificación urbanística para 11.200.000 metros cadrados de solo urbano, que representan o 100% do presentado á Xunta; tamén incorpora 7.000.000 de metros cadrados de solo urbanizable, 4.500.000 metros cadrados de solo industrial e actividades económicas, 3.000.000 de metros cadrados para sistemas xerais e zonas verdes e 1.800.000 de metros cadrados máis que quedan reservados para equipamentos.

Luis Álvarez tamén explicou o traballo que se está a facer respecto ó 5% do documento que ten pendente a aprobación definitiva pola Xunta. Neste sentido, indicou que xa foron xustificados na Consellería 34 dos 44 núcleos que non teñen aínda a aprobación definitiva e agora trabállase na xustificación do resto e dos 22 urbanizables pendentes. “Estamos a recompilar a información necesaria e cando teñamos toda a documentación convocaremos a Comisión de Planeamento”, indicou Álvarez.

O Concelleiro de Urbanismo considerou que o único obxecto das críticas que se produciron nos últimos días é “tentar deslucir a transcendencia deste día para todos os habitantes deste municipio” e negouse a entrar no que cualificou dunha “espiral de descualificacións”, porque, dixo, “nós somos o Goberno municipal de Lugo e nunca fixemos, por exemplo, ningunha crítica á Xunta de Galicia por adicar cinco meses a tramitar o documento refundido, xa que nós comprendemos que cada administración ten os seus tempos e o seu ritmo, a diferencia do que estamos escoitando nesta última semana”.

Ademais da publicación no Boletín Oficial da Provincia o novo documento que recolle a planificación urbanística para o desenvolvemento futuro do concello pódese consultar na páxina web municipal www.lugo.es.

Primeira publicación electrónica dun PXOM

O Boletín Electrónico da Provincia (E-BOP) que implantou a Deputación mediante o Innova-TE, o programa tecnolóxico cofinanciado nun 70% con fondos da Unión Europea, fixo posible que hoxe, por 1º vez na historia desta publicación -a máis antiga da provincia, ó datar de 1835- que se publique de xeito electrónico un Plan Xeral de Ordenación Municipal. Trátase do PXOM do Concello de Lugo, composto por 3.033 páxinas, editadas en formato dixital. Isto conlevou un aforro de 110.000 euros á Deputación, é dicir, o prezo que suporía facelo en papel, tendo en conta que cada páxina conlevaba un gasto de 36 euros.

Ata o momento, nun mesmo BOP electrónico, só se chegaran a publicar normas auxiliares de distintos Plans Xerais de Ordenación Municipal, ocupando unha media de 20 páxinas, cun peso de 20 megas. A publicación de hoxe ten un tamaño de 517,167 megas que se pode descargar con facilidade dende a web www.deputacionlugo.org, no apartado do Boletín Oficial da Provincia situado na marxe superior dereita da páxina de inicio. Os interesados atoparán neste espazo un enlace a cada un dos 8 tomos nos que se dividiu o PXOM lugués co fin de axilizar a súa consulta. Ás 11:30 horas da mañá, 359 persoas xa consultaran no Boletín dixital o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lugo que é, ademais, un dos preto da ducia aprobados e adaptados á normativa vixente na provincia.

Máis de 2 meses de traballo

As tarefas preparatorias para facer posible a publicación do Boletín de hoxe comezaron a finais de 2011 debido á complexidade de subir un arquivo destas características á Rede. Foron máis de 2 meses de traballo nos que primou a total implicación do persoal provincial, concretamente, os dos departamentos do BOP e de Fondos Europeos. Precisamente, a súa colaboración foi fundamental para que, xa dende o 3 xaneiro de 2011, o Boletín Oficial da Provincia sexa dixital, simplificando o volume de información e os trámites administrativos. E é que, dende entón, os 200 anunciantes habituais do BOP poden facer tanto a inserción dos anuncios coma o pago das taxas, ademais do rexistro das mesmas, por vía telemática, aforrando tempo. Outra das vantaxes que supuxo a posta en marcha do Boletín Electrónico foi o acceso universal e gratuíto á publicación oficial que dá publicidade ás disposicións de carácter xeral e ás ordenanzas, así como ós actos, edictos, acordos, notificacións, anuncios e demais resolucións do conxunto das Administracións que operan na provincia.

www.lugo.es/ws/pxom

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova