Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Real Academia Galega de Belas Artes felicita ó Alcalde de Lugo pola recuperación da piscina romana da praza de Santa María


# Mércores, 15/02/2012


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu hoxe a felicitación da Real Academia Galega de Belas Artes pola recuperación da piscina romana da praza de Santa María.

A carta remitida a López Orozco explica que na sesión celebrada pola Real Academia Galega de Belas Artes o día 28 de xaneiro tomouse o acordo de felicitar ó Alcalde do Concello de Lugo “polas actuacións relacionadas co patrimonio arqueolóxico, polo bo facer na exhumación, restauración e estudada musealización da piscina romana aparecida a mediados do século pasado, na praza de Santa María desa Cidade”.

O Concello amosa a súa satisfacción e agradecemento polo recoñecemento feito pola Real Academia Galega de Belas Artes a unha actuación que se enmarca no proxecto de recuperación e posta en valor dos ricos restos arqueolóxicos existentes na cidade de Lugo, que constitúen unha valiosa testemuña do noso pasado.

Para o Goberno local, a conservación do importantísimo patrimonio arqueolóxico da cidade é unha mostra de respecto polo legado que nos deixaron os nosos antepasados e tamén unha obriga para coas futuras xeneracións, ademais de supoñer un atractivo turístico máis para a cidade de Lugo.

Dacordo con ese compromiso, o Goberno local aproveitou os fondos do Plan Urban, que cofinancian a Unión Europea, a Deputación e o Concello, para a recuperación da piscina romana que permanecera soterrada durante séculos baixo o pavimento da praza de Santa María.

Logo dos laboriosos traballos de restauración, a piscina quedou á vista, dende o 24 de novembro pasado, e pódese contemplar a través dunha ventá arqueolóxica, semellante ás que tamén vai instalar o Concello noutros importantes xacementos arqueolóxicos de Lugo, como o acueduto romano da praza de San Marcos ou nos restos aparecidos na Rúa Nova.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova