Imprimir

TEDDY LÓPEZ ABRE O ENTROIDO DE LUGO CUN PREGÓN HOMENAXE AO OSO DE SALCEDO


20/2/2012 Numeroso público concentrouse diante da Casa Consistorial para darlle a benvida a Don Carnal

Arrinca un programa de actividades cargado de animación na rúa, concursos de disfraces e a feira de produtos típicos

O pregón do Entroido 2012 despertou gran expectación entre os lucenses como ven sendo tradición, e ao numeroso público sumouse nesta ocasión o tono de homenaxe que se lle quixo render a unha das personaxes máis emblemáticas do Entroido do país como é o Oso de Salcedo. Por este motivo, convidouse a Teddy López, membro da asociación que mantén viva esta tradición na Pobra de Brollón.

O Tenente-Alcalde responsable do Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, presentou ao pregoeiro e louvou nas súas verbas o carácter dos veciños desta vila, dos que destacou “o compromiso dun pobo que cre en si mesmo” e que froito deste os seus habitantes foron capaces de mellorar en infraestruturas á vez de conservar o seu acervo cultural máis senlleiro, como é Oso de Salcedo que cada luns de Entroido desperta da súa hibernación en A Proba de Brollón con gran algarabía. Ano tras ano, esta tradición atrae e numeroso público que se achega a esta pequena localidade para compartir esta celebración de orixe misteriosa.

Teddy López rematou convidando aos lucenses a “facer patria e facer país arredor do Entroido” e a buscar “o antídoto contra as verbas malsoantes e ofensivamente impúdicas dos balances económicos da banca”. Ao berro de “Viva o Entroido!” arrincou en Lugo a festa máis pagana e buliciosa. Ao remate do pregón comezou a animación na rúa a cargo das charangas Os Amigos de Manolo e Os Virtuosos do Tinto que levaron a música festiva polas rúas do centro ata entrada a noite.

Don Carnal foi recibido en Lugo con ánimo ben festivo e co pregón arrincou un programa de actividades cargado de animación na rúa, concursos de disfraces e a feira de produtos típicos do Entroido. A festa prolongarase ata o mércores 22, pois seguindo a tradición despedirase a Don Carnal co Enterro da Sardiña e o concurso de ferretes.

PREGÓN ENTROIDO LUGO 2012

“Boas tardes lugueses e luguesas. É un pracer e unha honra acharme hoxe aquí para botar fóra de min unhas verbas que, agardo, saiban transmitir o sentir dunha comunidade de persoas ás que represento en calidade de pregoeiro deste Entroido 2012, na sempre fermosa e vedraña cidade de Lugo.

Permitídeme que vos fale un pouco da miña terra. Veño dunha aldea de a cabalo entre as fértiles chairas lemavas, adozadas polo percorrido maino do Cabe, e o “Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe”, como ben soubo definilo o insigne poeta Novoneyra. É esta unha terra de transición onde o carácter das súas xentes reverte maneiras con aire afidalgado e ditos de labrego pillabán que tenta meter gato por lebre. Mais hai un denominador común, unha sorte de catarse no xeito de entender o percorrido vital día a día nestas persoas: as gañas de crear pobo. Dende que teño uso de razón, e polo tanto memoria, fun formando parte dunha engrenaxe que movía a maquinaria solidaria deste espazo: as campás da igrexa, non só eran o sinal de chamada á oración, senón que lembraban os labores en que a xente necesitaba doutra xente. As mallas comunais, o arranxo das rúas estreitas e das calellas acolledoras do lugar, a faraónica tarefa de traer auga corrente ás casas dende as serras courelás do Carballal e unha infinidade de traballos que se realizaron en Salcedo, só se entenden co esforzo e compromiso conxunto dun pobo que cría e que cre en si mesmo.

Ao tempo que Salcedo melloraba as condicións de vida como colectividade, no maxín inquedo dos seus habitantes había lugar para a creación artística. Do ano 1958 data a primeira representación teatral que se acorda. Meu pai tivo un pequeno papel e seica, polo que me contou tempo andado, deixou prendada á miña nai, tal debeu ser o seu bon facer nas táboas. Esta representación teatral foi o xermolo da afección dos salcedaos e salcedás á arte dramática. A partir deste momento institucionalizouse o levar a escena obras teatrais no tempo de Entroido, e hoxe esta actividade é unha das que máis sona ten e máis xente convoca: case mil persoas presencian o teatro en dous días de representación.

Outro dos actos importantes e senlleiros, tal vez o máis agardado na nosa parroquia, é cada luns de Entroido a aparición do amo, do rei, da besta que inflixe o estigma carnavalesco: o Oso. A poutada do Oso, a gran novela de Lois Diéguez, amosa este personaxe como o símbolo do mantemento da identidade de Salcedo. A súa orixe rodéase dese halo de misterio que acostuma acompañar as figuras do Entroido galego en xeral. Se para uns o seu sentido primeiro haino que ver na proximidade das terras do Courel e no encontro de humanos con plantígrados cando aínda podían vivir nesas paisaxes, para outros, o nacemento deste personaxe puidera ter base en antigos ritos pagáns situados na prehistoria e que, perdendo o súa función orixinal, chegarían ata nós. Sexa como for, o Oso hoxe é, ademais de figura do Entroido, un elemento de cohesión para o grupo de persoas que reviven o seu significado carnavalesco: luxar a todo aquel viandante que se achegue a Salcedo e que queira pasar un bo rato entre nós.

Aínda pululan neste tempo de Carnaval outras figuras como as Madamas e Danzantes, coa súa fina indumentaria e vistosos bailes, ou os Cegos coas coplas satíricas e mordaces que recordan os cegos das feiras.

Pedinvos que me deixarades falar un pouco da miña terra, pero a paixón turra de min e faime soltar a lingua en demasía, pido desculpas.

Agardo que todos os lugueses e luguesas vivades intensamente o voso entroido, que vos transformedes no outro que non sodes en todo o ano, que deixedes patas arriba a cidade de Lugo, pero iso si, volvédea ao seu sitio cando remate. Sería unha mágoa que a muralla a houbese que desenterrar durante 2000 anos. Saíde, gozade, tomade a cidade. Ao mellor atopades o Sr. Alcalde esterilizadamente vestido de enfermeira do HULA curando andazos co seu ollar feiticeiro, ou mesmo a Antón Bao de bombeiro voluntario, apagando lumes sen lapas alá polo barrio de Montirón, ou a Sonia Méndez recadando impostos imposibles por Recatelo, cun mostacho cumprido e usureiro, ou a Paz Abraira de inqueda colexiala da Divina Pastora ou, como non, a Jaime Castiñeira de rexo policía local multando cun bolígrafo sen tinta todos os coches que estean ben aparcados.......Pois vós tamén, lugueses e luguesas, enchede as rúas de rexouba e folión; facédevos notar e facédenos notar que o sabemos. Non corren os tempos desexados, busquemos o antídoto contra as verbas malsoantes e ofensivamente impúdicas dos balances económicos da banca, non deixemos que as primas de risco veñan toldar o zume ledo do Entroido lugués, demostremos o pulo rebuldeiro do clímax carnavalesco gardado no armario dos nosos corazóns. Ao redor de San Carnal fagamos patria, fagamos país, envoltos na súa suave seda. Rebordemos enerxía rexeneradora, desterremos medos, penas e salaios, centrados na vital e básica cuestión primordial.......

Coma se dun foguete se tratase, dende a base espacial do Val do río Rato, iniciemos a conta atrás que nos vai traer o momento longamente pretendido 5, 4, 3, 2, 1. Lugueses e luguesas berrade comigo:
Viva o Entroido!!!!!!”

Programa do Entroido 2012

Sábado 18 de febreiro

10.00 H.
Na praza de Abastos Feira de Produtos Típicos do Entroido amenizada polo grupo de gaitas Andaina.

17.00 H.
Gran Concurso de Disfraces (infantil). Os participantes concentraranse na praza da Soidade media hora antes do desfile (que presidirá a charanga Os Virtuosos do Tinto). Discorrerá por Santo Domingo, rúa da Raíña e praza Maior.

20.30 H.
Polas rúas da cidade actuación das charangas Os Amigos de Manolo e Virtuosos do Tinto.

Domingo 19 de Febreiro

16.30 H.
No barrio de Montirón, Concurso de Disfraces, organizado pola AA.VV. Hnos. Pedrosa – Francisco Norte, e actuación da charanga Madia Leva.

18.00 H.
Na praza Maior, tarde de baile coa orquestra Breixa Band.

Luns, 20 de febreiro

20.30 H.
Actuación de charangas no casco histórico Batucada Axé e Estoupacaldeiros

Martes, 21 de febreiro

17.00 H.
Gran Concurso de Disfraces (adultos). Os participantes concentraranse na praza da Soidade media hora antes do desfile (que presidirá a charanga batucada Axé). Discorrerá por Santo Domingo, rúa da Raíña e praza Maior. As inscricións deberán facerse no Departamento de Cultura deste Concello antes do luns, día 20 de febreiro, ás 14 horas.
O xurado estará constituído por persoas pertencentes a colectivos vencellados á cultura lucense.

18.00 H.
Na praza Maior, tarde de baile coa orquestra Breixa Band.

Mércores, 22 de febreiro

Enterro da Sardiña. Organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro. Sairá do Círculo das Artes co seguinte percorrido: praza Maior, rúa Conde Pallares, rúa da Cruz, praza do Campo, Rúa Nova, praza da Soidade, praza de Santo Domingo, rúa da Raíña, praza Maior (templete da música).
Concurso de Ferretes organizado pola Asociación Cultural Pepe Barreiro.