Imprimir

SONIA MÉNDEZ PROPÓN UN CONVENIO COA XUNTA PARA DAR USO AOS BAIXOS REHABILITADOS DO BARRIO DA TINERÍA


20/2/2012 Estas instalacións estarían a disposición de artesáns e emprendedores lucenses a un prezo asequible que facilitaría a creación de postos de traballo

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, ofreceu á Xunta de Galicia, que é a propietaria das instalacións, un convenio de colaboración co Concello de Lugo no que se comprometese a poñer a disposición dos artesáns, deseñadores e outros emprendedores lucenses os locais rehabilitados na zona da Tinería a un prezo asequible para facilitar o acceso ao autoemprego a mozas e mozos.

Sonia Méndez, destacou que “levan reformados moito tempo e se seguen parados sufrirán un deterioro que ninguén desexa, ademais se a Xunta decide poñelos a disposición de emprendedores conseguirase revitalizar unha zona e tamén se lle daría saída a mozos e mozas lucenses que actualmente se atopan en situación de desemprego”.

Neste proxecto, o Concello de Lugo, estaría disposto a colaborar a través de dúas grandes liñas, por un lado ofrecería axudas económicas para investimento para as novas empresas que se creen a través do Plan Urban e que cubrirían un 50% do gasto. Por outro lado, ofrecendo a experiencia do CEI-Nodus para xestionar os locais a modo de viveiro de empresas ofrecendo os coñecementos que ten nesta materia. De todas formas, a edil da área económica, explicou que “son múltiples as formas que se poderían estudar pero o fundamental é que os artesáns e emprendedores lucenses teñan locais a bo prezo a súa disposición” incidindo en que “unha administración pública ten a obriga nestes momentos de dirixir as súas actuacións a fin da creación de emprego e da dinamización económica “.

Outro dos motivos polo que se incide nesta iniciativa é porque hai moitos artesáns que buscan un local para instalarse e “que mellor lugar que este para converterse nun referente comercial da cidade que atraia a visitantes e turistas”, segundo Sonia Méndez.

A Concelleira de Economía tamén se referiu á necesidade de colaboración entre administracións para potenciar o patrimonio histórico lucense xa que esta zona do centro histórico ten un valor indiscutible que hai que protexer. Neste senso, explicou que “ xa temos unha experiencia positiva como é o caso da recuperación da Fonte da Pinguela, na que a Xunta aceptou a colaboración económica do Concello de Lugo a través de fondos do Plan Urban”.

www.lugo.es/urban