Humor, crítica política e moita imaxinación protagonizaron o Gran Concurso de Disfraces de Adultos
# Mércores, 22/02/2012
Numeroso público asistiu ao acto central do día grande do Entroido
Un ano máis o Martes de Entroido estivo protagonizado polo Gran Concurso de Disfraces de Adultos que organiza a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. O tempo extraordinario, cunha temperatura agradable e lucindo o sol, animou a numerosos lucenses a achegarse ata a Praza Maior para contemplar aos concursantes que participaron neste vistoso concurso, no que non faltaron o humor, a crítica sociopolítica e a imaxinación. Algúns participantes realizaron auténticas “performances” con representacións que foron moi aplaudidas polo público.
Imaxinación botoulle unha das comparsas que trouxo o AVE ata as portas da Casa Consistorial, cunha estación de deseño artesán e un tren tan puntual como cargado de pasaxeiros, entre os que figuraba unha dicharacheira Ministra de Cemento que chegou a Lugo ao ritmo do “Chacachá do tren”. A crítica sociopolítica e a parodia centrou os números de comparsas como Os bonecos de José Luís Moreno vanse ao ERE, Os Duques, ou O Casino global, a Galiza profunda e os eremitas, así como a de Se hai crise non salgo! Maruxa parindo.
De gran beleza resultou A Xoia do Miño, que desfilou escoltada por unicornios e seres de fantasía; poética foi a representación do Espantallo e espectaculares foron Ségeme o fío, o Séquito de Nefertiti e A Conquista do Oeste. Esta última comparsa, unha das máis numerosas con 26 compoñentes, reproduciu un auténtico pobo do “far west” norteamericano cun saloon e unha barbería e non faltaron aguerridos pistoleiros, vendedores de pócimas e cabareteiras.
Non hai dúbida de que os participantes traballaron con esforzo nos seus disfraces, en moitos casos empregaron materiais reciclados como tapóns de plástico e corcho, como Taponman, Dama Encorchetada ou Éche unha risa; o cartón foi o elemento principal nos traxes de As belezas da reciclaxe e nos de Reciclando Cartón, así como o papel no xigantesco cempés de Gusaneando. A Muralla foi a fonte de inspiración para os compoñentes da Pasarela Lucus Augusti, a máis numerosa con 40 integrantes, e na que cada un deles luciu un sombreiro distinto que reproducía a Muralla. Cada un deles estaba fabricado con materiais diferentes, dende moedas de chocolate ou froitos secos, a purpurina o papel de seda.
“Vampiros sen barreiras “ e “Heroes e villanos: loita pola accesibilidade” foron as dúas comparsas de COGAMI que sumaron 17 e 20 compoñentes respectivamente e con moito humor lanzaron unha mensaxe de demanda de accesibilidade e igualdade.
O concurso comezou coa categoría de disfraces individuais na que se inscribiron doce persoas. Nesta categoría establecéronse seis premios e os agraciados foron os seguintes:
INDIVIDUAL:
- 3º Premio (100 €): Dama encorchetada
- 2º Premio (200 €): Os bonecos de José Luis Moreno vanse ao ERE
- 1º Premio (300 €): Espantallo
- Premio (50 €): Tapón man
- Premio (50 €): O xogo da oca pintado a man
- Premio (50 €): O vello no excusado
Na categoría de disfraces por parellas presentáronse dez parellas, entre as que se repartiron os seguintes premios:
PARELLA:
- 3º premio (200 €): Paiasos de cores
- 2º Premio (300 €): O lápis do carpinteiro
- 1º Premio (400 €): Reciclando cartón
- Premio (100 €): As fregonas, así fregaba así así
- Premio (100 €): Barby e Kent
- Premio (100 €): Fantasía oriental
- Premio (100 €): Volvoretas pizpiretas
- Premio (100 €): Cenicienta
O desfile rematou co paseo das 18
comparsas que se presentaron. Os premios repartíronse do seguinte xeito:
- 3º Premio (500 €): Heroes e villanos: lota pola accesibilidade
- 2º premio (600 €): Segueme o fio
- 1º Premio (800 €): A xoia do Nilo
- Premio (200 €): O sequito de Nefertiti
- Premio (200 €): Os duques
- Premio (200 €): Boas noites e doces soños miña parruliña
- Premio (200 €): O chacacha do tren
- Premio (200 €): Pasarela Lucus Augusti
- Premio (200 €): A conquista do oeste
- Premio (200 €): O casino global, a Galiza profunda e os eremitas
O xurado estivo composto por por Víctor Manuel González Díaz, músico da Banda Municipal de Música e profesor, Anxo Lamelo, actor do grupo Achádego e Mª Elena Rodríguez Fernández, profesora do Conservatorio de Danza de Lugo.
Listado completo dos participantes no Gran Concurso de Disfraces Infantil
-
CATEGORÍA INDIVIDUAL
- A noiva cadáver
- Os bonecos de José Luís Moreno vanse ao ERE
- Dama encorchetada
- Tapón Man
- Davy Jones
- “Musa de Carnaval”
- O xogo da coa pintado a man
- Espantallo
- Con faldas y... OLÉ!
- Vello no excusado
- A Dama das Frores
- El árabe “John Lennon”
-
CATEGORÍA PARELLAS
- Reciclando cartón
- O lápis do carpinteiro
- A Cenicienta
- Volvoretas pizpiretas
- Paiasos de cores
- Maloserá que esgoten as pilas!
- Fantasía Oriental
- Éche unha risa!
- As fregonas: así fregaba, así así...
- Barbie e Kent
E fóra de concurso desfilaron O capitán do navío xunto a súa Dama Medieval
-
CATEGORÍA COMPARSA
- O séquito de Nefertiti
- Dando a nota
- Os Duques
- As belezas da reciclaxe
- Boas noites e doces soños miña parruliña
- Gusaneando
- Vampiros sen barreiras
- Heroes e villanos: loita pola accesibilidade
- O chacachá do tren
- Ségueme o fío
- A conquista do Oeste
- O casino global, a Galiza profunda e os eremitas
- Mamá Pitufa e familia
- Angry Birds
- A Xoia do Miño
- Pasarela Lucus Augusti
- Curia Vaticana
- Se hai crise non salgo! Maruxa parindo
Compartir: