Cargando....
Concello de Lugo
20/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao anuncia avances para desbloquear o arranxo do museo de San Roque


# Mércores, 22/02/2012
Luis Álvarez informou da concesión para catro anos de dúas das terrazas proxectadas no programa de remodelación da Praza de San Marcos

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O Primeiro Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deron conta dos asuntos máis destacables que se aprobaron na Xunta de Goberno Local. Así, Álvarez, explicou que se aprobou a convocatoria polo sistema de libre designación, do posto de xefe do corpo da Policía Local do Concello de Lugo. Este nomeamento será de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, e previa convocatoria pública na que poderán participar funcionarios de carreira que teñan a máxima categoría da plantilla de persoal do corpo da Policía do Concello.

Outro dos asuntos dos que se informou foi a autorización do aproveitamento especial de varios espazos de dominio público na rúa San Marcos mediante a instalación de terrazas e cadeiras por un prazo de 4 anos. A oferta pública estaba composta por tres terrazas de diferentes tamaños e prezos das que se autorizaron a nº 1 por importe de 4.632 euros ao ano e a nº 3 por importe de 3.763 euros. O espazo da nª 2 declarouse deserta ao non presentarse ningún interesado.

O Concelleiro de Urbanismo tamén deu conta do inicio do expediente para a incautación da garantía definitiva, correspondente co 1% da obra, da empresa adxudicataria que levou a cabo as obras de ampliación da piscina cuberta do Parque da Milagrosa. “Esta decisión veu motivada ao constatar os servizos municipais que a empresa incumpría o compromiso asumido na súa oferta relativos ó volume de man de obra, xa que era inferior á prevista no contrato” segundo declarou Luis Álvarez sobre esta obra financiada polo Fondo Estatal de Investimento Local.

Museo de San Roque
Por outra parte, o Primeiro Tenente de Alcalde, Antón Bao, explicou que técnicos da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo visitaron o venres da pasada semana o Museo de San Roque para avaliar as deficiencias existentes e analizar as posibles solucións. Antón Bao indicou que “unha vez vistas e analizadas as deficiencias do edificio a Xunta de Galicia elaborará un proxecto que será o punto de partida para que as dúas administracións se poñan a traballar para resolver este problema”.

Segundo Antón Bao “estas actuacións están dentro do camiño trazado na xuntanza mantida, fai uns meses, co Director Xeral de Patrimonio”. Bao asegurou que “está no ánimo de ámbalas dúas administracións traballar conxuntamente para dar unha solución definitiva aos problemas que ven sufrindo este edificio dende hai moito tempo”.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova