Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A Concelleira de Economía cifra en máis de dez millóns de euros o investimento nas actividades culturais que programan en Lugo institucións e entidades


# Venres, 24/02/2012
Sonia Méndez analizou o impacto económico do sector cultural nunha Xornada organizada pola USC

A Concelleira destacou a potencialidade do sector cultural na creación de emprego

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, analizou hoxe o impacto económico do sector cultural durante a súa intervención na I Xornada en Xestión e Mediación Cultural, organizada pola USC.

Na súa intervención, a Concelleira de Economía destacou a necesidade de aproveitar as potencialidades culturais e turísticas que ten Lugo nun momento no que se procuran novas actividades que seren valor engadido e creación de emprego. Sonia Méndez lembrou que este tipo de actividades son “un sostén importantísimo para outras capitais españolas de tamaño medio con certa singularidade” e defendeu que, no caso de Lugo, “o subsector cultural e turístico ten unha extraordinaria potencialidade a medio-longo prazo”. Logo de facer estas consideracións, a Concelleira concluíu que este é, probablemente, “o sector latente máis importante da cidade”.

Sonia Méndez salientou tamén o papel que xoga o Concello tanto na organización de eventos culturais e festivos como na revalorización de espazos públicos ou os traballos de arqueoloxía e referiuse, así mesmo, o labor de institucións públicas e privadas na programación de actividades culturais e en sectores como o turístico, o sector audiovisual e o editorial.

Segundo as cifras que expuxo a Concelleira de Economía, “é probable que a actividade cultural mobilice na cidade gastos e investimentos superiores ós 10 millóns de euros anuais”.

Sonia Méndez explicou noutro momento da súa intervención que as políticas culturais contribúen a mellorar o posicionamento dos concellos no exterior en aspectos como “a creación de imaxe, a atracción do turismo, a recuperación física de espazos marxinados, factores todos eles que inciden de xeito moi directo e positivo na creación de novos empregos”.

Méndez asegurou que “os servizos relacionados co ámbito cultural teñen que ser apoiados para que poidan, en si mesmos, constituír focos de actividade económica regular, e, por elo, ser utilizados dentro das políticas de desenvolvemento local”.

Para a Concelleira de Economía “a concepción da cultura como un novo xacemento de emprego supón abordar con novos plantexamentos os modelos tradicionais de xestión pública da actividade cultural, e vincular os devanditos modelos ás políticas xenerais de promoción socioeconómica e desenvolvemento do territorio”.

A I Xornada en Xestión e Mediación Cultural, que tratou sobre o tema “A proxección profesional das Ciencias da Cultura”, celebrouse hoxe na Facultade de Humanidades.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova