Cargando....
Concello de Lugo
07/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acollerá esta fin de semana no Auditorio Gustavo Freire a compañías de outras provincias dentro do Festival Galego de Teatro Afeccionado


# Xoves, 01/03/2012
A entrada será gratuíta e este intercambio permitirá a compañías de Lugo representar as súas obras noutras cidades galegas

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca a “dinamización” que se está a conseguir do Auditorio Municipal, que ata o de agora estaba infrautilizado, e que neste mes de marzo terá actividade 20 dos 31 días do mes

O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá esta fin de semana e a seguinte a compañías de teatro doutras provincias dentro do Festival Galego de Teatro Afeccionado. Esta iniciativa permite un intercambio con compañías lucenses, que terán a posibilidade de representar as súas obras noutras cidades do país.

Dentro deste Festival Galego de Teatro Afeccionado, co que arrinca a programación cultural do Auditorio para o mes de marzo, este sábado día 3 poderá verse a obra Adeus, Kantor, da compañía Paso de Valverde e o domingo 4 Longa vida a Martiño de Güimil, da compañía Teatro Escoitade. A vindeira fin de semana será a quenda de Gargallada Teatro, que representará o sábado 10 A última cinta de Krapp e da compañía Carrachanacacha, que porá en escena Gheidi só para adultos o domingo 11. A entrada para estas catro funcións será gratuíta. As obras serán todas ás 20:00 horas.

O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá en rolda de prensa esta iniciativa acompañado por representantes das compañías lucenses Achádego, Hipócrita Teatro e Parápono, que grazas a este intercambio terán a posibilidade de saír fóra de Lugo. A iniciativa forma parte, segundo o tenente alcalde e responsable de Cultura do Concello de Lugo, “da nova política que estamos a aplicar e que pretende converter o auditorio Gustavo Freire no referente cultural da cidade”. Antón Bao sinalou que “traballamos para ter no auditorio unha programación continua, de calidade e para todos os públicos”.

Durante o mes de marzo o Gustavo Freire terá un total de 20 espectáculos. Teatro infantil, teatro para escolares, teatro universitario, música folk e pop terán cabida no escenario do auditorio municipal. Asociacións e colectivos tamén teñen previstas actividades no auditorio como a Mostra de Teatro Especial de Galiza organizada pola Fundación ANADE. Bao púxoo de exemplo desta nova política cultural que pretende “dinamizar o auditorio e enchelo de actividades”, fronte ao que viña acontecendo ata o de agora, no que o auditorio estaba infrautilizado. De feito, o pasado ano só tivo actividade 100 dos 365 días do ano.

A Área de Cultura do Concello de Lugo está a traballar asemade para que Lugo conte con espectáculos que están en xira e que neste momento non tiñan o auditorio Gustavo Freire na súa axenda. Bao engadiu que “no auditorio teremos eventos programados dende o Concello e outras institucións pero tamén daremos facilidades para que compañías e promotores acheguen a Lugo espectáculos de calidade”.

Axenda Cultural Única

Dentro da política de potenciación do auditorio iniciada pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao informou que “dende a chegada ao Goberno do Concello buscamos mellorar a efectividade na difusión da programación cultural”. O Concello está a traballar coordinadamente, en materia de difusión cultural, coa Área de Cultura da Deputación de Lugo e coa USC (Lugo-Cultural), segundo Bao “difundimos a través das novas tecnoloxías toda a información da actividade cultural que se xenera ou coa que colaboramos dende as institucións”.

Bao informou que este traballo de coordinación xa se está a estender ao tecido asociativo que fai programación cultural de xeito periódico na cidade para que se integren nesta Axenda Cultural Única. Segundo Bao “dende todas as institucións involucradas estamos a valorar moi positivamente a posta en marcha deste novo xeito de traballo en rede, tanto pola súa efectividade como polo aforro económico que permite para as arcas públicas”. Bao sinalou que “ata o de agora estimamos que duplicamos a media de persoas que asisten aos eventos culturais programados en relación á cifras da tempada pasada”.

Política de prezos asequibles

Antón Bao explicou tamén que a nova política de prezos do Concello para as actividades culturais será unha política de prezos asequibles co obxectivo de popularizar a cultura e achegar a ela ao maior número de público posible. “Máis aínda na situación económica na que nos atopamos, hai que facilitar o acceso á cultura ás clases con máis dificultades económicas”, xustificou o responsable de Cultura.

A maioría das actividades que terán lugar no Auditorio neste mes de marzo serán gratuítas e outras terán prezos que oscilan entre os 5 e os 10 euros.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova