Cargando....
Concello de Lugo
23/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello anima a artesáns e emprendedores a informarse sobre os baixos da Tinería


# Martes, 06/03/2012
O Pleno municipal aprobou, co voto en contra do PP, ofrecer colaboración á Xunta para poñer a disposición de emprendedores lucenses os oito locais dispoñibles na Tinería

A Concelleira de Economía rexeita que os locais se subasten ó mellor postor e convida a Jaime Castiñeira a visitar o Centro de Empresas e Innovación e dicir alí “mirándolle ós ollos ás persoas que se benefician do uso destas instalacións públicas que o CEI é un chiringuito, como dixo onte no Pleno”


A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, animou hoxe ós artesáns e emprendedores de Lugo a recabar información no Instituto Galego da Vivenda e Solo sobre os baixos da Tinería e informounos de que a Xunta xa ten oito baixos na Tinería que pode ceder ós artesáns.

Méndez lembrou que o Pleno do Concello de Lugo aprobou onte, co voto en contra do Partido Popular, unha oferta de colaboración coa Xunta de Galicia. Esa proposta, que o Concello enviará ó Goberno galego, supón unha oferta, por parte da institución municipal, de fondos do Plan Urban e o apoio do Centro de Empresas e Innovación do Concello para poñer en marcha o vello proxecto da Xunta de dinamización do barrio da Tinería, coa cesión dos baixos rehabilitados ós artesáns.

A Concelleira manifestou a súa estrañeza pola postura do Partido Popular e declarou que “non sei por que ten medo o Partido Popular de que colaboren a Xunta e o Concello, xa que proxectos tan importantes como a rehabilitación da fonte da Pinguela desatascáronse grazas a axuda que ofertou o Concello de Lugo”.

Méndez informou de que o Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, vén de asinar tres licenzas de primeira utilización correspondentes ós edificios números 20,22 e 24 da rúa Tinería, que se suman ós outros cinco edificios rehabilitados que xa dispoñían da licenza de primeira utilización.

“Estes tres edificios, igual que os outros cinco, dispoñen de baixos que están sen utilizar ata o de agora e, como manifestamos, onte, no Pleno, queremos que a Xunta os poña a disposición de artesáns ou doutros emprendedores lucenses, en condicións favorables e con transparencia”, declarou a Concelleira de Economía.

A xuízo de Méndez “a Xunta ten eses locais e non lle está dando a publicidade e transparencia que debería”, polo que, “para que todos os emprendedores estean informados e saiban como acceder a eses locais, queremos informalos de que hai tres edificios máis con licencia de primeira ocupación e, polo tanto, tres locais máis baleiros e sen uso, ós que poden acceder”. Ademais a Concelleira de Economía recomendou ós emprendedores “que se dirixan ó Instituto Galego de Vivenda e Solo e que soliciten o acceso a eses locais, co ánimo de darlle a publicidade que non lle está a dar a Xunta de Galicia”.

“Nós apoiamos á Xunta nesta iniciativa que tivo de crear un barrio de artesáns en Lugo, e, por iso, lle ofrecemos a colaboración no Pleno de onte”, declarou Méndez en relación coa iniciativa aprobada pola Corporación Municipal, cos votos do PSOE e o BNG.

A Concelleira rexeitou a posibilidade de que a Xunta opte por adxudicar os locais nunha poxa ó mellor postor. “Non queremos que estes locais públicos se subasten, sen máis condicións, ó mellor prezo, porque unha simple poxa sería tanto como cambiar de destino e poxar as vivendas de protección oficial que ten o IGVS, no lugar de adicala a usos sociais”.

Transparencia no funcionamento do CEI
 
Sonia Méndez tamén convidou a Jaime Castiñeira a "visitar o Centro de Empresas e Innovación, para comprobar por si mesmo que non está baleiro, senón cheo de empresas que están a traballar alí, e que se atreva a dicir, mirándolle ós ollos ás persoas que se benefician do uso destas instalacións públicas que o CEI é un chiringuito", como dixo na sesión plenaria do Concello.

A Concelleira de Economía manifestou que, en contra do que fai a Xunta, “nós actuamos con transparencia, puntualmente se lles dá información ós medios de comunicación, todos os interesados saben que contan co Centro de Empresas” e “os locais, que son públicos, os ofertamos por debaixo do prezo de mercado, porque queremos propiciar a creación de emprego e de empresas na nosa cidade, é o que nos diferencia da Xunta de Galicia”.

Sonia Méndez tamén aclarou que “nós non agochamos nada, de feito, a semana pasada, concelleiros do Partido Popular de Lugo acudiron ó Centro de Empresas e tiveron á súa disposición os expedientes que se tramitaron e os técnicos tamén lles ofreceron total colaboración para darlles a información que consideraran necesaria”.

cei.lugo.es

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova