Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Foro da Sustentabilidade retoma os traballos iniciados no ano 2007 para a posta en marcha da Axenda 21


# Mércores, 07/03/2012
A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, Paz Abraira, di que o obxectivo é poñer en marcha pequenas accións concretas que fagan de Lugo unha cidade máis habitable e máis cómoda para os cidadáns

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O encontro celebrado esta tarde, aberto á participación de asociacións e cidadáns a título individual, serviu para facer unha diagnose da situación medioambiental da cidade de Lugo e actualizar os obxectivos de actuación para os vindeiros anos

O Foro da Sustentabilidade, reunido esta tarde despois de 5 anos sen facelo, retomou hoxe os traballos para a posta en marcha da Axenda 21 Local, a principal ferramenta en materia ambiental e de participación cidadá coa que conta o Concello de Lugo. Máis de 400 persoas a título individual ou como representantes dalgún colectivo ou asociación están chamados a participar neste proceso. A reunión, que tivo lugar no Salón de Actos do Centro Social Uxío Novoneyra, serviu para retomar os traballos iniciados no ano 2007 mediante unha diagnose actualizada da situación medioambiental da cidade de Lugo e unha actualización das prioridades de actuación para os vindeiros anos.

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, avanzou algún dos obxectivos que se perseguen con ese encontro e animou a participar a toda a cidadanía no proceso que se abre. O obxectivo deste primeiro encontro foi o de “contrastar cos cidadáns cal é o punto de partida”, indicou Paz Abraira, e analizar “o estado actual de cumprimento das liñas de traballo marcadas fai 5 anos”. “A diagnose que se fixo no seu momento é moi distinta á de hoxe, condicionada pola situación económica e social motivada pola crise e que variou substancialmente os problemas máis acuciantes que ten hoxe a xente”, afirmou a responsable de Infraestruturas e Axenda 21. A partir da diagnose que se faga mañá marcaranse as novas prioridades, que Paz Abraira xa avanzou que “non van ir polo lado das infraestruturas, senón polo de atender as necesidades actuais da xente: emprego e cobertura social”.

Esta reunión do Foro da Axenda 21, aberta á participación de todos os cidadáns e asociacións que o desexen, pretende “actualizar” as medidas incluídas neste documento elaborado no ano 2007. Foron convocados de xeito expreso todos aqueles colectivos e cidadáns que participaron na redacción deste documento fai 5 anos. A este traballo sumaranse tamén técnicos das distintas áreas do Concello vinculados aos departamentos de medio ambiente, obras, mobilidade ou participación cidadá.

Xuntanzas periódicas cada seis meses

Outro dos aspectos e obxectivos que destacou Paz Abraira é o feito de que un dos eixos centrais da Axenda 21 é o da participación cidadá. “Queremos facer un traballo continuo, serio, rigoroso e no que a xente se sinta partícipe, nun momento ademais no que a cidadanía está a reclamar canles de participación na vida pública e na toma de decisións políticas. A Axenda 21 é unha ferramenta que permite esa participación”, dixo. Indicou ademais que “queremos facer esa participación continua no tempo” para o que haberá reunións periódicas do Foro da Sustentabilidade cada seis meses.

A maiores, haberá tamén Mesas Temáticas sobre emprego e desenvolvemento económico, ordenación do territorio, participación cidadá e conciencia comunitaria, servizos sociais e sanitarios e medio ambiente. Cada unha destas mesas de traballo reunirase a finais de marzo.

Accións concretas e realizables

Paz Abraira insistiu en que outro dos obxectivos do seu departamento para esta lexislatura é a posta en marcha da Axenda 21 para lograr unha cidade “máis humana e habitable na que sexa máis cómodo vivir”, dixo, a través dun proceso de “humanización” das rúas e as prazas da cidade. Abraira quere “reactivar” a principal ferramenta medioambiental e de participación cidadá coa que conta o Concello de Lugo mediante “accións concretas que sexan realizables”, dixo.

“Non renunciamos a obxectivos ambiciosos, pero a situación económica é a que é e queremos ser realistas para non crear frustración na cidadanía. Queremos planificar actuacións concretas para que ao longo destes 4 anos se poidan ver resultados”, explicou. Entre as accións a poñer en marcha Paz Abraira citou a realización de campañas formativas e informativas para os cidadáns de temas como por exemplo, o uso de enerxías alternativas tanto por parte das Administracións públicas como por parte dos cidadáns.

Implicar a outras Administracións nas políticas de sustentabilidade

O Plano de Acción da Axenda 21, aprobado no ano 2007, recolle unha serie de medidas en materia ambiental, social, económica e turística para o Concello de Lugo baseadas no criterio da sustentabilidade. Unha das eivas detectadas é que nos últimos anos puxéronse en marcha “accións illadas vinculadas coa Axenda 21 pero sen lle dar o contido transversal e coordenado que debe ter en todas as políticas municipais”, explicou.

Outro dos problemas ao que hai que facer fronte, dixo Paz Abraira, é o do financiamento. No seu momento as Axenda 21 financiáronse con liñas de axuda europeas destinadas a implementar nos Concellos estas políticas de sustentabilidade, pero neste momento non existen eses fondos, polo que “estas políticas de sustentabilidade, tanto para a aplicación da Axenda 21 no seu conxunto como para accións concretas, agora deberemos financialas nós con fondos propios”, adiantou a concelleira nacionalista, que mostrou a súa intención de “implicar tamén a outros axentes, institucións e administracións en Lugo na sustentabilidade”.

www.lugo.es/ws/axenda21

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova