Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao insta á Xunta a limpar dunha vez a Muralla ou a declarala "lugar de interese ambiental"


# Mércores, 07/03/2012
Bao denunciou tamén o retraso que acumulan outros dous proxectos culturais da Xunta en Lugo: o novo auditorio e o Museo da Romanización

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Pola súa parte, Luis Álvarez, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, a maioría de asuntos ordinarios da área de Urbanismo


O Tenente de Alcalde, Antón Bao, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, deron conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local e que, na súa maioría, foron relativos a asuntos ordinarios en materia de urbanismo,

Desta maneira, Luis Álvarez, explicou que “debemos salientar a proposta de deixar sen efecto unha licenza de obra para construír un edificio na Avenida Carlos Azcárraga ao non ceder un terreo que tiñan que poñer á disposición do Concello para a construción dun vial que vai pola parte de atrás dos edificios”.

Outro dos acordos tratados, segundo Luis Álvarez, foi a desestimación dun recurso de reposición interposto por Special Olympics, no que solicitaban o uso do local nº1 da Casa Clara Campoamor e no que realiza a súa actividade FADEMGA, xa que nas bases dos convenios reguladores se explicita que ningunha entidade pode facer uso do local se non está o convenio ao seu nome.

Por outra parte, o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, instou hoxe ao Goberno da Xunta de Galicia a proceder “sen máis demora” á limpeza da Muralla de Lugo. Na habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o tenente alcalde alertou do “estado de abandono” no que se atopa o monumento romano e instou á Xunta a “acometer os traballos de limpeza de xeito inmediato” ou do contrario “declarala lugar de interese ambiental”, ironizou.

Bao lembrou que a Muralla acumula xa máis de dous anos sen limpar e alertou de que está a piques de chegar de novo a primavera que é “o momento crítico para a súa limpeza” posto que é a época de aniñado dos paxaros e o ano pasado foi precisamente ese o motivo que alegou a Consellería para non acometer a limpeza. “A primavera xa está de novo ás portas e os paxariños volverán aniñar no medio da maleza que hai nas paredes da Muralla, así que se segue sen limpar ademais de Patrimonio da Humanidade haberá que declarar a Muralla como LIC, lugar de interese comunitario para a fauna e a flora”, ironizou o tenente alcalde.

O tenente alcalde criticou que o Conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, non se referira a este asunto na súa visita a Lugo o pasado venres e lamentou tamén que non tivera aproveitado esta visita para manter unha reunión co Concello na que avanzar na resolución de diversos temas pendentes. “Foi unha mágoa que o Conselleiro non aproveitara a súa visita a Lugo para reunirse co Concello e avanzarmos nalgún dos asuntos que temos pendentes, cuestións en materia arqueolóxica como o Museo de San Roque ou a Fonte da Pinguela, que están en tramitación e que atinxen a ámbalas dúas administracións”, indicou Bao. O tenente alcalde lembrou que no primeiro caso estase pendente de recibir da Xunta un proxecto de arranxos do Museo e que na Fonte da Pinguela será precisa a sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello para que a Administración autonómica poida actuar en terreo municipal.

O retraso do novo auditorio e o Museo da Romanización

O responsable de Cultura do Concello repasou tamén outros proxectos pendentes na cidade en materia cultural dependentes da Xunta, como o novo Auditorio ou o Museo da Romanización. Bao denunciou unha vez máis “o retraso que acumulan estas dúas infraestruturas culturais tan importantes para Lugo”. Indicou que no caso do novo Auditorio “a Xunta inaugurou a bombo e platillo a escavación pero daí non pasou a cousa” e que no caso do Museo da Romanización o edificio que o vai albergar, o Cuartel de San Fernando, declarado BIC, “non aguanta máis retrasos porque o seu estado de conservación é moi delicado”, indicou.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova