Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A próxima semana ábrese o prazo para solicitar praza nas Escolas Infantís Municipais


# Venres, 09/03/2012
Das máis de 230 prazas de garderías das que dispón o Concello de Lugo, 133 serán de nova adxudicación

A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñóz, anunciou que a partir da próxima semana se abre o prazo para solicitar praza nas Escolas Infantís Municipais. Esther Muñóz explicou que “para o curso 2012/2013 hai 133 prazas para novas adxudicacións e que supoñen máis da metade das prazas totais que temos no Concello de Lugo”. Ademais de que adiantou que “o máis probable é que a convocatoria saia este luns no Boletín Oficial da Provincia e dende ese día teñen un prazo de 20 días para presentar as solicitudes”.

Na escola de Serra de Outes ofértanse 37 prazas de novo acceso, outras 21 están reservadas para nenas e nenos xa matriculados no presente curso 2011/2012, e 3 prazas para emerxencia social.

En canto á escola Gregorio Sanz ten 37 prazas de novo acceso, 21 prazas reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados, e 3 prazas quedan reservadas para emerxencia social.

No caso da escola Luis Souto Menor (San Fiz) o número de prazas de novo acceso son 28, o de reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados son 30 prazas, e 3 quedan reservadas para emerxencia social.

Na escola infantil da Piringalla, ofértanse 31 de novo acceso, 21 prazas reservadas para alumnas e alumnos xa matriculados, e 3 quedan reservadas para emerxencia social.

Para solicitar praza por primeira vez será necesario cumprimentar os impresos e acompañalos da documentación solicitada para entregar no Rexistro do Concello. Os impresos poden descargarse na páxina web do Concello, na Concellería de Educación.

Poderán informarse deste proceso nas propias escolas infantís, no portal web do Concello www.lugo.es ou chamando ao número de atención ao cidadán 010.

A documentación para a solicitude de prazas nas escolas infantís pódea atopar no apartado “Tramita na túa casa” deste mesmo portal.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova