Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A boa situación económica do Concello de Lugo permítelle poñer ó día as facturas sen facer uso das medidas do Goberno para o pago a provedores


# Venres, 09/03/2012
O Concello acorda adicar 1,2 millóns de euros para atender pagos e faino aínda que a nova normativa non esixe pagar senón que só pide información das facturas pendentes

A Concelleira de Economía anuncia melloras no sistema de rexistro de facturas para axilizar os pagos e seguir cumprindo a lei antimorosidade


O Concello de Lugo certificou hoxe a súa solvencia económica e a súa condición de administración boa pagadora ó que lle permite adicar 1,2 millóns de euros a poñer ó día os pagos de facturas. O Pleno da Corporación aprobou esta mañá, coa abstención do Partido Popular un recoñecemento de crédito co que pon ó día os pagos de facturas.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, explicou que o Concello de Lugo dispón de liquidez para facer fronte ós pagos e por iso acordou esta medida aínda que o Real Decreto de financiación para o pago ós provedores non esixe pagar antes do 15 de marzo senón que só pide información das facturas que teñen pendentes as administracións.

Méndez criticou que as medidas acordadas polo Goberno non valoren a boa xestión económica de concellos como o de Lugo, xa que nelas dáselles o mesmo trato ós que cumpren e ós que non o fan.

A responsable de Economía salientou que o período medio de pago de facturas no Concello de Lugo está entre 40 e 50 días. Tamén sinalou que “os pagos se fan puntualmente xa que, neste Concello, non hai tensións de tesourería, temos liquidez, nunca gastamos máis do que temos e os gastos sempre dispoñen de consignación previa de crédito” e explicou que “por iso non temos déficit orzamentario ó final dos exercicios, como si lles ocorre a outras administracións”.

Ademais, Sonia Méndez anunciou que “é vontade deste Goberno seguir cumprindo os prazos nos pagos establecidos pola lei antimorosidade que puxo en marcha o Goberno socialista e para elo estableceremos melloras no sistema do rexistro de facturas”. A Concelleira avanzou, concretamente, tres medidas: a incorporación de todos os datos fiscais no rexistro, verificando a adecuación do documento para evitar erros nas facturas que impidan os pagos; optimización do envío ós servizos que deban conformalas e informatización para coñecer o estado de tramitación das facturas para evitar eventuais retrasos na tramitación e pago das mesmas.

O recoñecemento de crédito aprobado polo Pleno ten un importe de 1,2 millóns de euros dos que máis da metade, 634.000 euros corresponden a unha única factura emitida por BEGASA pola subestación eléctrica que dá servizo ó HULA.

Sonia Méndez explicou que a maioría destas facturas non foron pagadas no exercicio de 2011 debido a remisión tardía das facturas, que non foron presentadas no Concello ata o mes de decembro, polo que non deu tempo a tramitalas e aboalas o ano pasado. Noutros casos, o motivo foi a complexidade na verificación técnica necesaria para comprobar os datos das devanditas facturas.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova