Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

López Orozco visitou a nova zona de xogos infantís e biosaludables situados no paseo interior da Muralla, ao carón da Praza do Cantiño


# Martes, 13/03/2012
O proxecto, financiado polo Plan Urban, contou cun presuposto de 73.3000 euros que permitirá aos cidadáns desfrutar dun espazo renovado e verde

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Con esta actuación o Concello remata o proxecto de rehabilitación da zona Cantiño invertindo máis de 300.000 euros

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso e a Deputada de Economía e Facenda, Pilar García Porto, visitaron as obras que se levaron a cabo para a instalación dun área de xogos infantil e un circuíto biosaludable no paseo interior da Muralla.

Con esta actuación complétase a renovación dunha zona histórica da cidade, como é o Cantiño, e na que o Concello, a través do Plan Urban, invertiu máis de 300.000 euros. Esta zona vai estar aberta en horario de 11:00 a 20:00 horas aínda que nos meses de verán se ampliará o horario ata a posta de sol, momento no que se pechará a entrada para evitar actos de falta de civismo segundo explicou o Alcalde ao que engadiu que “agardo que algún día nos deixen pechar o Parque Rosalía de Castro, como se fai en todas as cidades”.

López Orozco destacou que “hoxe podemos desfrutar desta zona de paseo interior grazas á xenerosidade dos veciños que cederon parte dos seus terreos para o desfrute de toda a cidade”. Ademais, salientou que “agora dispoñemos doutro lugar máis para que os lucenses disfrutemos da nosa cidade, e pódese dicir que Lugo segue mellorando e non vai haber nada que paralice o traballo, a ilusión e a forza de facer un Lugo mellor”.

Durante a visita, un grupo de lucenses acompañados por unha monitora, tiveron a oportunidade de probar os aparatos biosaludables e de coñecer algún dos consellos dados pola profesional para previr os problemas de saúde físicos e para desenvolver os exercicios sen problemas.

Esta ampliación do paseo interior da Muralla contou cun presuposto de preto de 73.300 euros e conlevou a creación da área de xogos infantís e do circuíto biosaludable, o acondicionamento e pintado do muro da parcela dos xogos e as obras de accesibilidade dende a praza do Cantiño ata a zona de xogos. Este paseo accesible fíxose pegado ás parcelas para facilitar o tránsito e, proximamente, unha vez modificado o PEPRI e os terreos pasen a titularidade municipal, incluiranse máis servizos como alumeado e auga, segundo anunciou López Orozco.

Estas obras completan a actuación que se levou nesa zona da Muralla para a apertura dun novo tramo do paseo interior e a posta en valor dunha zona histórica da cidade. O Concello leva invertido neste entorno máis de 300.000 euros, contando coa obra da praza e a compra do baixo que permite o acceso á esta nova área de xogos ademais da adecentamento do paseo interior. Ademais tamén, con axudas do Plan Urban, se subvencionaron a remodelación dos dous patios ligados a actividades económicas que teñen saída ao paseo. Na actualidade estase traballando con outros titulares de negocios para que realicen o acondicionamento das zonas traseiras que dan ao paseo interior.

Ademais leváronse a cabo outras iniciativas na zona, con cargo ao Plan Urban, como a mellora de fachadas de negocios que dan ó adarve da Muralla para as que se aprobaron subvencións por importe de máis de 9.000 euros, 5.237 euros foron concedidas ó restaurante Paprika para a mellora da fachada e a instalación dun rótulo e outros 3.854 euros foi a achega concedida á tenda de comercio xusto Cova da Terra para a mellora da súa fachada.

Praza do Cantiño
Hai pouco tempo tamén se inauguraba a Praza do Cantiño, proxecto incluído no Plan Urban que financian a Unión Europea, o Concello e a Deputación, e que tivo un presuposto de algo máis de 138.000 euros, ademais de renovar a praza adquiriuse un baixo para acondicionar o pasadizo de acceso desde o Cantiño ao paseo interior da Muralla, e que foi adquirido con fondos do Plan Urban, cun presuposto de 123.500 euros. En total son 290 m² totalmente renovados onde se pon en valor o noso patrimonio, dignificamos e recuperamos un espazo para o disfrute dos lucenses e contribuímos á dinamización dos negocios no centro da cidade.

A renovación da Praza do Cantiño consistiu na unificación do pavimento de granito a un nivel, para facelo accesible, e a instalación de mobiliario respectuoso co contorno. Nun lateral puxéronse árbores con bancos, ao pé da escaleira de acceso á Muralla instalarase unha zona a modo de grada que pode ter uso como escenario e a iluminación poñerase no chan para darlle protagonismo á Muralla.

www.lugo.es/urban





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova