Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde inaugurou o 24º Encontro de Aulas de Terceira Idade de Galicia, que reúne en Lugo a 300 persoas


# Mércores, 14/03/2012


O Alcalde, José López Orozco, participou hoxe na inauguración do 24º Encontro de Aulas de Terceira Idade de Galicia (ATEGAL), que reuniu na Facultade de Veterinaria de Lugo a unhas 300 persoas. No acto tamén interviñeron o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o director de ATEGAL, Rafael Moreno; as coordinadoras desta entidade en Galicia e Lugo, Paula Sande e Concepción Pintos, respectivamente, e a Subdirectora Xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Patricia Toubes.

Esta é a terceira vez que se celebra na capital lucense o congreso de ámbito autonómico organizado pola entidade, dedicada dende 1978 a promover actividades socioculturais para mellorar a calidade de vida dos maiores. Os 300 asistentes ó acto pertencen ás 9 delegacións que ATEGAL ten na Comunidade galega: Lugo, Vilalba, Monterroso, Santiago, A Coruña, Padrón, Ferrol, Vigo e Ourense.

O Alcalde agradeceu ós organizadores do encontro a elección da nosa cidade para esta xuntanza que se celebra no Ano europeo do envellecemento activo e da sociedade interxeracional. Tamén destacou López Orozco a importancia de que as persoas maiores manteñan “a ilusión e as gañas de aprender”.

Pola súa parte, o Presidente da Deputación lembrou que na provincia de Lugo a poboación que supera os 65 anos de idade é o dobre que a de menores de 20, polo que salientou que “non podemos prescindir desta importante parte da poboación da que temos moito que aprender e pola que temos que apostar”.

Actividades no Inludes

No presente curso 2010-2011, que se desenvolve entre os meses de outubro e maio, a Aula da Terceira Idade de Lugo conta con un centenar de alumnos e no seu amplo programa de actividades figuran obradoiros de memoria, ximnasia, pilates, reciclaxe, informática, manualidades, cestaría e pintura, ademais dun taller de teatro que cada ano estrea dúas obras. Este ano, as pezas preparadas son “A Visita do Señor Inspector”, estreada en Nadal, e “El Sueño de una Noche de Verano”, unha peza que se representará en maio, na clausura do curso. As Aulas da Terceira Idade de Galicia están integradas na Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Alumnos, e a día de hoxe contan con máis de 1.300 socios. A boa acollida deste centro de formación sociocultural queda reflectido en que o 96% dos alumnos repiten ano tras ano.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova