Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo non ten facturas pendentes nin precisa acollerse ó plan de axudas do Goberno


# Xoves, 15/03/2012
A boa saúde das arcas municipais fai que todas as facturas estean ó día cando remata o prazo que deu o Goberno para que os concellos informen da débeda pendente con provedores

O Concello de Lugo está ó día no pago de facturas ós provedores e non ten débedas pendentes. O Concello de Lugo non terá, polo tanto, que presentar un plan de axuste económico para facerlle fronte a pagos pendentes, ó que estarán obrigadas as administracións locais que a día de hoxe teñan facturas impagadas.

Hoxe remata o prazo que deu o Goberno ós concellos para informar da débeda pendente con provedores para que as institucións locais poidan acollerse ó plan de axudas para o pago de provedores.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, explicou que o Concello de Lugo non ten necesidade de acollerse ás medidas acordadas polo Goberno, xa que a a boa saúde económica das arcas municipais permítelle ter ó día ó día os pagos ós seus provedores.

“É unha boa noticia, porque non temos ningunha factura pendente de 2011 nin de anos atrás, as nosas contas están ó día e iso significa que o Concello está a pagar puntualmente ós seus provedores”, manifestou Sonia Méndez quen considera “moi importante para manter a vida económica da cidade que o Concello e as outras administracións paguen puntualmente ás empresas”.

Explicou tamén a Concelleira de Economía que, ó non ter facturas pendentes de pagar, “o Concello de Lugo non ten que enviar a certificación de débedas pendentes ó Goberno de España nin precisará acollerse ás axudas establecidas polo Goberno que, en realidade, a longo prazo significan máis endebedamento para os Concellos”.

Méndez sinalou, ademais, que o Goberno local “mantén como prioridade no ano 2012, como en anos anteriores, o pago puntual ás empresas que subministran ó Concello”.

O Concello de Lugo dispón de liquidez para facer fonte a todos os seus pagos e o período medio de pago de facturas está entre 40 e 50 días e a Concelleira de Economía anunciou a implantación de novas medidas para seguir cumprindo os prazos nos pagos establecidos pola lei antimorosidade. Esas medidas consistirán na incorporación de todos os datos fiscais no rexistro, verificando a adecuación do documento para evitar erros nas facturas que impidan os pagos, a optimización do envío ós servizos encargados de conformalas e o uso de medios informáticos para coñecer o estado de tramitación das facturas co fin de evitar eventuais retrasos na tramitación e pago das mesmas.

A maioría das facturas que non foron pagadas no exercicio de 2011 foi polo retraso na súa remisión ó Concello, xa que non foron presentadas ata entrado o mes de decembro, polo que non deu tempo a tramitalas e aboalas antes de acabar o ano. Noutros casos, o motivo foi a complexidade na verificación técnica necesaria para comprobar e xustificar os datos das devanditas facturas.

Para deixar ó día as últimas facturas correspondentes a 2011 o Concello acordou adicar 1,2 millóns de euros, unha medida que tomou o Pleno municipal que aprobou o pasado día 9 un recoñecemento de crédito. Máis da metade do seu importe, 634.000 euros correspóndese cunha única factura emitida por BEGASA pola subestación eléctrica que dá servizo ó HULA.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova