Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A XVIII edición do Festival de Teatro Universitario abre o pano en Lugo do 22 ao 27 deste mes cunha atractiva e variada oferta escénica


# Luns, 19/03/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O certame, composto por cinco representacións, arrinca este xoves coa estrea da obra ‘Na túa cara. In yer face’ da Aula de Teatro do campus de Lugo

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou esta mañá na presentación que o Festival chega “á súa maioría de idade” cunha edición centrada na denuncia social

O Festival de Teatro Universitario do campus de Lugo celebra á súa décimo oitava edición cun programa conformado por cinco obras que se representarán entre os días 22 e 27 de marzo no auditorio Gustavo Freire da capital lucense, onde tamén se poderá visitar unha exposición que recolle o traballo desenvolvido neste tempo a través das fotografías das producións teatrais representadas desde o ano 1993.

O certame encádrase dentro da oferta do programa Lugo Cultural, no que participan a USC e o Concello e a Deputación de Lugo, e nesta edición abrangue propostas que van desde o teatro clásico ás tendencias de vangarda, pasando pola adaptación desde a novela e as obras de denuncia social, un dos temas máis presentes na oferta escénica desta edición. Ademais das representacións das compañías universitarias galegas de Santiago, Lugo e Ourense, e dunha mostra de traballos de arte dramática a cargo de actores lucenses da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, a edición deste ano acolle unha obra dunha compañía universitaria polaca.

Na rolda de prensa de presentación do certame o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, destacou que o Festival chega á súa “maioría de idade” e loubou a colaboración entre o Concello, a Deputación e a Universidade que fan posible este ciclo. No acto de presentación tamén estiveron o vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón; o deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; e a directora da Compañía de Teatro da USC do Campus de Lugo, Paloma Lugilde.

Programa do certame

O festival arrinca o xoves 22 coa estrea da obra Na túa cara. In yer face, da Compañía de Teatro da USC en Lugo. Dirixida por Paloma Lugilde, o texto baséase na obra dramática da británica Sarah Kane e realiza unha proposta onde a violencia, a dor e a crueldade van tecendo a trama, na que unha particular Alicia realiza unha viaxe a un mundo que pouco ten que ver co país das marabillas de Lewis Carroll. O seu contido non a fai recomendable para o público menor de idade.

O venres 23 a Compañía de Teatro da USC en Santiago presenta o seu último traballo, Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, unha montaxe a partir da obra de Francisco de Monteser Comedia burlesca del caballero de Olmedo (1651), que á súa vez é unha parodia da célebre El caballero de Olmedo, de Lope de Vega (1641). A peza de Monteser caricaturiza os arquetipos e situacións do teatro do Século de Ouro español nun texto de sorprendente modernidade que a compañía dirixida por Roberto Salgueiro respecta con mínimas adaptacións para permitir a súa posta en escena.

O domingo 25 é a quenda de Teselas, unha proposta novidosa realizada a partir das achegas dos alumnos e alumnas das escolas de arte dramática. A idea xorde, segundo os organizadores, “como xeito de artellar vías de encontro e creación, e como foro para que estes grupos poidan presentar o seu traballo na súa cidade”. Os tres proxectos que se representan nesta cita son Yo mujer, Vacío e Negra sombra, todas elas a cargo de alumnado lucense da Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid.

O luns 26 o auditorio Gustavo Freire acollerá Un novo mundo feliz, adaptación da coñecida novela de Aldous Huxley sobre o control dos individuos e a perda da liberdade en favor dun dubidoso ben común. A partir dunha dramaturxia de Fernando Dacosta, a posta en escena corre a cargo do grupo Mariacastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, da que Dacosta é director.

A dimensión internacional do festival chega na última das citas, a do martes 27, da man da compañía polaca Theatre Nie Ma, procedente da Universidade de Szczecin. A obra, titulada The most lamentable comedy and most cruel death of Pyramus and Thisby, está inspirada na obra de William Shakespeare Soño dunha noite de verán.

O sábado 24, no que non haberá representacións, aproveitarase para que as compañías participantes desenvolvan unha xornada de convivencia e intercambio de experiencias.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova