Cargando....
Concello de Lugo
23/01/21
NOVAS
Escoita esta páxina

Case 1.600 persoas aspiran ós cursos de formación de Lugo Emprego Activo que organiza o Concello con financiación da Unión Europea


# Luns, 19/03/2012


A Concelleira de Educación destaca o esforzo do Concello para atender as necesidades de formación dos lucenses en paro e pídelle á Xunta que atenda as súas responsabilidades cos desempregados

Lugo Emprego Activo 2 ponse en marcha con sete cursos de monitor de turismo activo, atención sociosanitaria a dependentes, monitor de ludoteca, elaborador de queixo, técnico en transporte sanitario, coidado de xardíns e enquisador


A Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, informou hoxe da tramitación dos sete primeiros cursos de formación para desempregados cos que se porá en marcha a segunda edición do proxecto Lugo Emprego Activo que desenvolve o Concello con financiación municipal e da Unión Europea.

Case 1.600 desempregados optan a estes sete primeiros itinerarios de inserción laboral programados no primeiro semestre deste ano grazas ó Lugo Emprego Activo 2, o que demostra, segundo destacou a Concelleira de Educación, que existe unha necesidade real de formación para acceder ó mundo laboral. Por este motivo, Esther Muñoz instou á Xunta de Galicia a atender a demanda e as necesidades de formación dos lucenses que se atopan no paro para darlles máis oportunidades de atopar un emprego.

A Concelleira de Educación explicou que o Concello de Lugo, a pesar de non ter competencias en materia de políticas activas de emprego, mantén a súa aposta pola formación “para dar armas de acceso a un posto de traballo” polo que xestionou e conseguiu de novo o apoio da Unión Europea para o proxecto Lugo Emprego Activo e reclamoulle á Xunta “que non faga deixación das súas responsabilidades”.

O programa Lugo Emprego Activo 2 ponse en marcha con sete itinerarios nos que se ofrecen 105 prazas ás que se presentaron 1.556 persoas. Os cursos son de monitor/a de turismo activo, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, monitor/a de ludotecas, elaborador/a de queixos, técnico/a en transporte sanitario, instalación e mantemento de xardíns e enquisador/a.

As listas de admitidos e excluídos neste proceso de selección están expostas ata o día 23, prazo no que as persoas interesadas poden facer rectificacións ou enmendas.

O elevado número de aspirantes fará necesario celebrar a proba de selección no Pazo de Feiras e Congresos. Esta proba vai consistir nunha entrevista curricular por escrito e farase en tres turnos. Os horarios nos que debe acudir cada grupo figuran no listado de persoas admitidas que está exposto no taboleiro de editos no Concello. Tamén se pode solicitar información no 010, en Atención ó cidadán e no Espazo>lab, teléfono 982 297 361

O proxecto Lugo Emprego Activo 2 ten unha duración de 36 meses e un presuposto de máis de 1.335.000 euros, dos cales financia o 80% a Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. A programación constará de 28 itinerarios personalizados de inserción nos que as persoas beneficiarias fan un percorrido que inclúe formación transversal, titorización, orientación e realización de accións formativas nas que se considera que hai un nicho potencial de mercado de traballo, sexa por conta allea ou a través do autoemprego e do emprendemento.

En total, serán 420 as persoas desempregadas de Lugo as que se beneficiarán desta iniciativa que desenvolve o Concello no centro de orientación laboral Espazo>lab.

www.lugo.es/espazolab

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova