Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo contará cunha ordenanza para avanzar na normalización lingüística


# Mércores, 21/03/2012
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que “o Concello de Lugo é un Concello cumpridor” no uso do galego

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Luis Álvarez salientou que se aprobou unha prórroga, ata marzo de 2013, do contrato asinado coa adxudicataria de quince prazas para a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna


O Concello de Lugo contará cunha ordenanza para avanzar na normalización lingüística e para animar aos cidadáns a empregar o idioma galego “sen complexos” en todas as facetas da súa vida diaria. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou hoxe que esta norma estea aprobada no mes de maio, coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

A Xunta de Goberno local deu o visto bo hoxe ao texto da ordenanza, que inicia deste xeito a súa tramitación. É a primeira nova norma que aproba o Goberno municipal neste mandato e cúmprese deste xeito un dos puntos do Acordo de Goberno asinado polo BNG e o PSOE. O tenente alcalde salientou que esta ordenanza dá cobertura legal á normalización lingüística no ámbito municipal. O Concello de Lugo desenvolve deste xeito as obrigas establecidas en normativas superiores, como o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística, a Lei de Bases de Réxime Local e o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Bao destacou que “o Concello de Lugo é un Concello cumpridor no uso do galego” e agradeceu a colaboración dos traballadores e funcionarios municipais nesta tarefa e salientou que coa aprobación desta ordenanza “dáselle formalidade a ese traballo”. O Concello de Lugo carecía desta normativa, que xa teñen aprobado o resto de cidades galegas e mesmo vilas de menor tamaño. Antón Bao indicou que el mesmo lle entregou persoalmente no día de onte a ordenanza ao PP para que a fagan súa e salientou que agarda que sexa aprobada por unanimidade no Pleno “porque sería difícil de explicar que o Partido Popular que aprobou no seu día a Lei de Normalización Lingüística dea agora marcha atrás na súa aplicación”.

Documentos notariais e xurídicos en galego

O tenente alcalde salientou que esta ordenanza, que está estruturada en 10 capítulos, “garante aos cidadáns o uso do idioma galego nas súas relacións coa administración local”. A partir da súa aprobación, o Concello de Lugo acolle como idioma oficial o galego tanto para as comunicacións orais como escritas e comprométese a que a documentación pública así como a rotulación oficial e demais cartelería empreguen o idioma propio de Galicia. Asemade, o Concello esixirá ás empresas adxudicatarias e contratadas e a aquelas que traballen co Concello que empreguen o galego nos servizos que en nome do Concello prestan aos cidadáns. Por último, o Goberno municipal adoptará un papel máis activo como motor de normalización nas súas relacións con outras institucións, como documentos notariais ou aqueles relacionados cos órganos xudiciais, así como impulsor do uso do galego na sociedade.

Por outro lado, Luis Álvarez, salientou que se acordou impoñer aos propietarios do inmoble número 168 da Avenida da Coruña unha terceira multa coercitiva polo importe de 6.000 euros, como consecuencia do incumprimento do acordo de Xunta de Goberno Local no que se instaba a demolición do edificio.

Tamén se aprobaron as bases do proceso selectivo para aprobación das bases do proceso selectivo para o nomeamento dun/dunha coordinador/a de accións formativas e implementación de itinerarios de inserción laboral (subgrupo c1) como funcionario/a interino/a para a execución do programa de carácter temporal “Lugo Emprego Activo 2”. A duración prevista da execución do proxecto é ata o 2 de marzo de 2015. O traballo realizarase a tempo completo, en horario de mañá e polo menos unha tarde á semana. O sistema de selección terá dúas fases, a primeira será unha proba de coñecementos e a segunda será a través dun baremo de méritos.

Na Xunta de Goberno Local aprobouse unha prórroga, ata o 27 de marzo de 2013, do contrato asinado coa adxudicataria do concerto de quince prazas para a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna. O presuposto da prórroga é de 129.557 euros anuais, polo que cada praza ten un custe de 719 euros cada mes.

Neste mesmo sentido, tamén se acordou a revisión de prezos solicitada pola empresa encargada da xestión e tratamento de residuos sólidos urbanos, relativa ao novo canon e que será dende o 1 de xaneiro de 2012 ata o 31 de decembro de 2012 para a actualización do prezo por tonelada de tratamento de residuos sólidos urbanos. Desta maneira, queda fixado o prezo por tonelada en 54,33 euros.
.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova