Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello reclama a continuidade do PAC de Fingoi e oponse a que se especule urbanisticamente cos terreos do vello hospital


# Mércores, 21/03/2012
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, acusou á Xunta de “reducir servizos sanitarios aos cidadáns de Lugo” e aos responsables do Partido Popular na cidade de “mentir aos cidadáns”

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, anunciou que a parcela seguirá mantendo o uso dotacional e de servizos

O Sergas negou fai un ano que a súa intención fose eliminar o PAC de Fingoi para trasladalo ao barrio da Residencia, tal e como se confirma agora


O Concello de Lugo rexeita a decisión da Xunta de Galicia de pechar o PAC de Fingoi unha vez se constrúa o novo Punto de Atención Continuada comprometido para o barrio da Residencia. En nome do Goberno local, o Tenente de Alcalde, o nacionalista Antón Bao, argumentou hoxe que unha cidade coma Lugo, de preto de 100.000 habitantes, precisa de dous servizos de urxencias, un para a zona norte e outro para a zona sur da cidade, que eviten os desprazamentos ao novo hospital e o colapso do servizo de urxencias do Lucus Augusti. Por iso, o Goberno municipal reclamará á Consellería de Sanidade a continuidade do PAC de Fingoi e a apertura dun segundo PAC nas instalacións do vello hospital.

Bao lembrou que o BNG xa alertara fai un ano das intencións da Consellería de Sanidade de pechar o PAC de Fingoi e eliminar deste xeito o servizo se urxencias que neste momento se presta neste centro de saúde como consecuencia da reorganización sanitaria prevista pola Xunta logo da entrada en funcionamento do Novo Hospital. Pero nese momento, no mes de febreiro de 2011, xusto antes das eleccións municipais, tanto o Sergas como a Consellería de Sanidade negaron que se fose eliminar o PAC de Fingoi, algo que agora se confirma.

O Tenente de Alcalde acusou aos dirixentes do PP en Lugo de “mentir aos cidadáns xusto antes da eleccións dicindo que non tiñan intención de suprimir o Pac de Fingoi” e culpou a Jaime Castiñeira e a Xosé Manuel Barreiro de “avalar a merma de servizos sanitarios e de redución na calidade da atención aos cidadáns de Lugo”. “Este é un exemplo real dos recortes sanitarios que está a aplicar o Goberno de Feijóo na Xunta”, afirmou.

Contra a especulación urbanística

Antón Bao tamén anunciou que o Goberno municipal fará unha “defensa numantina” do uso público dos terreos e edificios do vello hospital. “Non consentiremos que se especule urbanisticamente con eses terreos, que teñen que ser para dotacións e servizos para o barrio da Residencia”, indicou hoxe o tenente alcalde, para quen logo do anuncio da Xunta solicitando ao Concello un cambio na cualificación urbanística dese espazo “confírmase que a única intención do PP para o edificio do Xeral é especular con el”, denunciou Bao. Pola contra, o BNG segue a reclamar que alí se faga un hospital para persoas maiores, tal como foi aprobado polo Pleno do Concello.

A parcela seguirá a ter uso dotacional

Pola súa, o Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, explicou que “a única constancia que temos destas decisións son as que aparecen no día de hoxe na prensa, polo que igual o señor Castiñeira, é o que está en condicións de informar a toda a cidadanía dos plans que teñen xa que é coñecedor do falado na reunión”. De todos modos, o responsable de Urbanismo, fixo fincapé en que “o goberno local agradecería que, nalgún momento, os distintos responsables da Xunta teñan a ben asumir que neste Concello non gobernan” matizando que “deste xeito as relacións institucionais mínimas é que o institución autonómico faga as comunicacións que consideren pertinentes a través do goberno municipal”.

O Concelleiro de Urbanismo tamén aclarou que “parece ser que dende a Consellería de Sanidade se insta ao Concello a que faga unha serie de modificacións no PXOM, tanto a nivel de catalogación dos edificios como incluso do solo, pero nós imos manter o uso dotacional e de servizos da parcela do antigo hospital xa que non temos información oficial, que non sexa a través dos medios de comunicación, sobre este asunto”. Para Luis Álvarez esta explicación só ten un interese e pediulles que “se teñen unha planificación que implica que alí se cambie o tipo de uso de dotacional a urbanizable co fin de levar a cabo algún tipo de operación urbanística deben ter a valentía de dicirllo á cidadanía”.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova