Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese mañá en Lugo


# Mércores, 21/03/2012
O Concello coorganiza esta xuntanza na que persoal das Administracións sociais revisa os proxectos no Sur e as actividades de sensibilización para 2012

Lugo acollerá unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, participará no encontro que se vai celebrar mañá, xoves 22 de marzo, no Centro de Convivencia Maruja Mallo, e no que se reunirá persoal técnico das Administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2012.

Entre o 21 e o 23 de marzo desenvolveranse estes encontros nos Concellos de Fene, Santiago de Compostela, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Mos, e mais a Deputación de Ourense. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen Administración socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos locais.

Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre a andaina da asociación. Faise especial fincapé nas actividades que se poñen a disposición das Deputacións e Concellos socios para sensibilizar a prol dun mundo máis xusto: exposicións, contacontos, programas de voluntariado internacional, concursos de fotografía, ciclos de cine, conferencias, etc. Tamén se lles pon ao día en cuestións coma os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que coa súa colaboración se realizan en países coma Nicaragua ou Cabo Verde.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e tres Deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova