Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os sinais turísticos do Casco histórico de Lugo xa son accesibles para persoas con deficiencias visuais


# Xoves, 22/03/2012
Antón Bao afirma que o obxectivo é lograr unha cidade accesible tamén para o turismo e insta á Xunta a solucionar os problemas de accesibilidade da Muralla

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Sonia Méndez di que a información en braille nos sinais turísticas do Casco histórico é unha iniciativa pioneira que foi posible grazas á colaboración da Once co Concello, a Deputación e a Unión Europea, que financian o Plan Urban

O ano comeza cun incremento de turistas con respecto a 2011
 
 
A cidade de Lugo conta desde hoxe con información turística en braille dos distintos monumentos e lugares de interese do Casco histórico. Para que as persoas con deficiencias visuais teñan acceso á información da nova sinalización turística, instalada con financiamento do Plan Urban, o Concello contou coa colaboración da Organización Nacional de Cegos de España.

O tenente de Alcalde e Concelleiro de Turismo, Antón Bao; a Concelleira de Economía, Sonia Méndez; a Deputada de Economía, Pilar García Porto, e o director da Once en Lugo, Roberto Doval, amosaron hoxe as placas informativas en braille instaladas nas novas sinais turísticas do Casco histórico nunha visita que fixeron ó sinal situado na praza de Santa María.

O tenente de Alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou que con esta sinalización en braille avánzase un chanzo máis no obxectivo de conseguir que Lugo sexa unha cidade accesible tamén para o turismo. Neste sentido, instou á Xunta a resolver os problemas de accesibilidade da Muralla para que o principal monumento da cidade, que constitúe o emblema de Lugo e que está declarado monumento Patrimonio da Humanidade sexa accesible e poida ser visitado, por exemplo, por persoas en cadeira de rodas.
 
Antón Bao tamén se referiu ás distintas iniciativas que en materia de fomento do turismo está a levar a cabo o Concello e indicou que "pese á situación de crise económica este traballo está a dar os seus froitos". Como exemplo sinalou que este ano comezou cun incremento de turistas respecto ao pasado ano. En concreto, nos meses de xaneiro e febreiro rexistráronse un total de 2.118 visitantes na oficina de Turismo, 338 máis que en xaneiro e febreiro de 2011.  Por meses, o pasado mes de xaneiro rexistráronse 692  turistas fronte aos 630 do mesmo mes de 2011, e en febreiro foron 1.426 os visitantes contabilizados, fronte aos 1.150 do ano pasado. Por períodos concretos, destacan neste ano a presencia de turistas en Nadal (426 visitantes), no Entroido (200 visitantes) e esta mesma semana na ponte de San Xosé, que era festivo en moitas comunidades (210 visitantes). Antón Bao dixo que "estes datos anímannos a seguir traballando", indicou. 

Pola súa parte, a Concelleira de Economía e responsable do Plan Urban, Sonia Méndez, agradeceu a colaboración da Once, que foi quen traduciu ó braille a información contida nos sinais turísticos, e da Deputación, pola súa achega económica ó Plan Urban. Méndez dixo que esta iniciativa “é un exemplo de colaboración das institucións coa Once, que agrupa as persoas que mellor nos poden asesorar e aconsellamos que tamén se deixen asesorar outras institucións por aquelas asociacións que traballan coa discapacidade desde hai moitos anos e son as máis acaidas para asesorar na accesibilidade”.

Méndez lembrou que o Concello de Lugo recibiu o Premio Raíña Sofía de accesibilidade e indicou que o Goberno local segue a traballar nesa liña. Recentemente foron adxudicadas obras para eliminar barreiras arquitectónicas en 14 rúas da cidade situadas en distintos barrios e tamén se fomenta a accesibilidade en todas as actuacións do Plan Urban, como se fixo na praza de San Marcos ou no paseo interior do Cantiño.

O director da Once en Lugo, Roberto Doval, felicitou tanto ó Concello como á Deputación pola súa sensibilidade que vai permitir “ás persoas que temos algunha discapacidade visual que tamén poidamos disfrutar dos atractivos turísticos da cidade, algo que beneficia non só para as persoas que veñen de fóra senón tamén ós veciños de Lugo”.

29 sinais turísticos

Lugo estrenou a nova sinalización turística o pasado mes de xaneiro. Esta actuación contou cun presuposto total de 75.000 euros, procedentes do Plan Urban e que se investiron na elaboración do proxecto, a fabricación dos paneis e a creación de diferentes traballos audiovisuais que completan a información incluída nos sinais.

Ademais da información en braille, os paneis informativos están dotados co código QR que permite descargar información en vídeo de xeito que os turistas, sempre que teñan descargada a aplicación no seu teléfono, poderán coñecer máis datos sobre os monumentos da cidade explicados por personaxes históricos vinculados a Lugo como a raíña Isabel II, o Apóstolo Santiago, San Vicente Ferrer ou o Bispo Izquierdo.

O deseño dos paneis e a cor seleccionada, que son o verde, marrón e gris, escolleuse acorde cos tonos da Muralla para que destaquen os monumentos e non a sinalización, segundo explicou o Alcalde de Lugo. Ademais a información de todos os paneis e os vídeos, pode ser consultada en galego, castelán, inglés e braille.

En total foron instalados, en diferentes puntos estratéxicos da cidade, 29 paneis informativos que disporán de diferentes tipos de información. Desta maneira, hai seis paneis direccionais situados nas rúas Bispo Aguirre, Bispo Basulto, Campo Castelo, Praza Maior, Rúa da Cruz e praza Casas Novas. Tamén existen sete planímetros que se sitúan nalgunha das portas da Muralla, como son as de Bispo Aguirre, Porta Nova, San Pedro e Campo Castelo, e nas prazas de Santa María, na da Soidade e na do Ferrol. Finalmente, os outros 16 paneis informativos están situados en diferentes portas da Muralla como son a de San Fernando, a do Hospital ou Bispo Odoario, na de Santiago, na da Estación e na porta Falsa ademais de poder velos en diferentes monumentos da cidade como son no Pazo dos Saavedra (Pazo da Maza), na Praza do Campo, no Pazo de Orbán, no xardín do Museo Provincial, na Antiga Cárcere, na Casa do Concello, no convento de Santo Domingo, na igrexa A Nova, na igrexa dos Franciscanos e nos pazos de San Marcos e de Osorio (Pazo Episcopal).

Neste proxecto participaron os arquitectos Ángeles Castro e Raúl Veiga e o deseñador gráfico Luis Montero que deseñaron os paneis, a empresa Imaxina que levou a cabo a elaboración do material audiovisual e a empresa Teva Señal que foi a encargada da instalación.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova