Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo acollerá a compañías de danza de toda Galiza do 23 ao 27 de abril na I Semana da Danza


# Venres, 23/03/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A mostra contará cun encontro de 11 escolas de danza de toda Galiza, unha homenaxe a Pina Bausch, a estrea de ‘Opening’, un traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, e a representación de ‘Aínda’, a última produción do Centro Coreográfico Galego

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou que o obxectivo é que a danza forme parte da programación habitual do auditorio Gustavo Freire para que os afeccionados a esta disciplina artística “non teñan que desprazarse a outras cidades para poder desfrutar de espectáculos de danza de primeiro nivel”

A cidade de Lugo acollerá na última semana de abril a compañías de danza de toda Galiza na I Semana da Danza de Lugo. A danza incorpórase deste xeito de maneira oficial como disciplina artística á programación oficial do Concello de Lugo, segundo destacou esta mañá o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, na presentación das distintas actividades encadradas dentro desta I Semana da Danza.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, proclamado pola Unesco en 1982 e se celebra todos os 29 de abril, o auditorio Gustavo Freire de Lugo acollerá do 23 ao 27 de abril, un amplo programa de actividades que inclúen un encontro de 11 escolas de danza de toda Galiza, unha homenaxe a destacada coreógrafa e bailarina italiana Pina Bausch, a estrea de ‘Opening’, un traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, e a representación de ‘Aínda’, a última produción do Centro Coreográfico Galego.

Acompañado pola directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez González, e pola vicedirectora, Raquel González García, Antón Bao destacou a importancia de ter en Lugo o único conservatorio profesional de danza de Galiza e agradeceu a implicación da comunidade educativa que o conforma na organización de eventos que contribúan á difusión desta disciplina artística.

A I Semana da Danza de Lugo comezará o luns 23 de abril cunha homenaxe á destacada bailarina e coreógrafa alemana Pina Bausch e a proxección en 3D da película Pina, dirixida por Win Wenders sobre a vida de Philippina Bausch (Solingen, 1940 - Wuppertal, 2009), coñecida artísticamente como Pina Bausch e considerada unha das grandes figuras da danza internacional contemporánea. Ao día seguinte, o martes 24 de abril, o auditorio Gustavo Freire acollerá un Concurso Coreográfico, que consistirá na presentación dos traballos coreográficos sobre Pina Bausch do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Encontro de escolas de Danza de toda Galiza

O mércores 25 terá lugar o acto colectivo de conmemoración do Día Internacional da Danza 2012 coa participación de 11 centros de ensinanza de danza de toda Galiza: Asociación Cultura Mundo Danza de Ferrol, Ballet Studio de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Companía de Danza da USC-Lugo, Escola de Danza Contemporánea de Narón, Escola de Danza Deborah de Vigo, Escola de Danza Druida de A Coruña, Escola Municipal de Danza de Oleiros, Escola Municipal de Danza de Ponteceso e Danza Susana Castro de Vigo. Será ás 19:00 horas no Auditorio Gustavo Freire con entrada de balde. En total participarán no espectáculo máis de 100 bailaríns e bailarinas de toda Galiza.

Con este encontro a nivel galego conmemorarase o Día Internacional da Danza, proclamado pola Unesco en 1982 e que se celebra todos os 29 de abril. Foi establecido polo Comité de Danza do Instituto Internacional do Teatro da Unesco co fin de atraer a atención sobre a arte da danza. Foi instituido a partir da proposta do mestre ruso Piepor Gusev de Leningrado, de homenaxear ao gran innovador do ballet clásico, o coreógrafo francés Jean Georges Noverre, nacido o 29 de abril de 1727, quen foi o máis grande coreógrafo da súa época, e está considerado o creador do ballet moderno ou neoclásico. É un día de festa que celebran todos os países do mundo con espectáculos especialmente dedicados á danza a través de: clases abertas, ensaios ao aire libre, conferencias, exposicións, publicacións en diarios e revistas, bailes populares, programas en radio e TV, espectáculos rueiros, entre outros.

Representación da última produción do Centro Coreográfico Galego

O xoves 26 de abril terá lugar a representación de Aínda, última produción do Centro Coreográfico Galego, e ao día seguinte, o venres 27 será a estrea de Opening, unha viaxe ao mundo interior da muller a través da natureza e do son, presentado nun traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe polas alumnas de Grao Profesional da especialidade Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo xunto co percusionista Diego Ventoso.

Antón Bao avanzou ademais que a programación de danza no Auditorio Gustavo Freire non se limitará a esta semana especial, senón que terá continuidade nos vindeiros meses. “Iniciamos as actividades de apoio á danza o 19 de xaneiro coa clase maxistral do famosísimo bailarín e coreógrafo Ángel Corella e despois de celebrar esta Semana da Danza o auditorio de Lugo dará cabida a outros proxectos artísticos relacionados co mundo da danza. No mes de maio teremos o espectáculo Latexo da compañía lucense Proxecto Danza e no mes de xuño, dentro da 40 edición da Semana de Música do Corpus, haberá unha representación do Quebranoces”, avanzou o responsable de Cultura.

Premios Mestre Mateo

A preguntas dos xornalistas, Antón Bao tamén valorou o feito de que finalmente a cidade de Lugo non vaia acoller a Gala dos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia do Audiovisual. Bao explicou que dende o Concello se fixo todo o posible para traer esta entrega de premios a Lugo e lamentou que non se poida celebrar na nosa cidade pola falla dun espazo axeitado e demandou da Xunta de Galiza que o novo auditorio se constrúa “canto antes” para que a nosa cidade poida acoller acontecementos deste tipo, pedíu.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova