Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo ofrecerá en Semana Santa paquetes turísticos que inclúen patrimonio cultural, actividades de natureza e gastronomía


# Luns, 26/03/2012
A oferta turística do Concello será enviada a 3.000 axencias de viaxe de todo o Estado, a oficinas de turismo de toda Europa, a países de fala portuguesa e a revistas e páxinas web especializadas

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que “o turismo está a evolucionar” e que “Lugo quere adaptarse a eses novos modelos de turismo que están a xurdir

O Concello de Lugo ofrecerá por primeira vez esta Semana Santa paquetes turísticos que inclúen patrimonio cultural, actividades de natureza e gastronomía. O obxectivo é, segundo explicou esta mañá o tenente alcalde e responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, ofrecer ao visitante toda unha serie de actividades co obxectivo de que pase máis dun día na nosa cidade.

Bao explicou que o Concello elaborou un dossier en galego, castelán e inglés con todas as posibilidades que ofrece Lugo e o seu entorno destinado a axencias de viaxe, oficinas de turismo, medios e páxinas web especializadas e ao público en xeral a través das redes sociais pensado para atraer turistas a Lugo esta primavera en datas concretas como a Semana Santa, a ponte do 1 de maio ou a ponte das Letras Galegas, aínda que o responsable de Turismo explicou que sería exportable a calquera época do ano destinado a escapadas de fin de semana.

“O turismo está a evolucionar - xustificou Antón Bao - e debemos buscar novas fórmulas para adaptarnos a eses novos modelos que están a xurdir, un turismo de menos tempo, de escapadas máis curtas. Lugo ten as características óptimas para posicionarse nese mercado turístico que busca cultura, natureza e gastronomía e a crise, que fai que a xente busque destinos máis próximos e máis adquiribles para as súas escapadas, pode ser mesmo beneficioso se sabemos aproveitalo”, afirmou o tenente alcalde.

A oferta que o Concello de Lugo enviará a 3.000 axencias de viaxe de todo o Estado, fundamentalmente de Castela e León, Asturias, País Vasco, Madrid, Cataluña e Andalucía, que son as comunidades de onde máis turistas recibe Lugo, é unha oferta global que integra tamén produtos e servizos de distintas empresas que traballan no eido turístico en Lugo, como rutas en segway, visitas a Marcelle, turismo de aventura, termalismo, etc.

Antón Bao anunciou tamén que o Concello fará unha “ampla labor de difusión” mesmo fóra do mercado español, en países como Inglaterra, Alemania, Suecia ou Polonia, ademais de en países de fala portuguesa, como Portugal ou Brasil.

Paquetes á carta para varios días

O plan de acción turístico do Concello propón a creación e valorización de produtos turísticos temáticos ou de tempada que favorezan unha mellor promoción e a unha maior visibilidade de Lugo como destino turístico. Estes produtos turísticos, que podemos denominar paquetes turísticos tratan de abarcar o conxunto de posibilidades que ofrece Lugo e o seu entorno centrados en tres eixos:

- Patrimonio cultural: potenciar a creación de itinerarios culturais tanto dende a administración pública, como dende a iniciativa privada que engloben a riqueza cultural e patrimonial da cidade, tendo na Muralla o principal reclamo.

- Turismo de Natureza: valorizar todo o patrimonio natural que ten Lugo para promocionala como destino sostible a través da declaración de Reserva da Biosfera dos paseos do Miño e o Rato. Potenciación do Camiño Primitivo, das rutas de senderismo e creación en Lugo dun centro de BTT.

- Turismo gastronómico: despois do bo resultado obtido no certame da Cidade Española da Gastronomía 2012, no que a cidade de Lugo quedou como medalla de bronce, a gastronomía lucense é un alicerce no que debe apoiarse a estratexia de promoción turística da cidade.

No dossier ofrécese unha pequena escolma desas actividades que poden atopar os turistas en Lugo co obxectivo de ofrecer aos profesionais e aos viaxeiros unha ferramenta de información e contacto que lles facilite programar á carta as súas viaxes para varios días.

Colaboración co sector privado

Unha das principais características da oferta presentada hoxe é que integra a oferta privada existente, co fin tamén de buscar a complementariedade e estimular a competitividade do sector. A Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua pretende favorecer un enfoque coordinado das iniciativas que se desenvolven en materia de turismo na cidade de Lugo co fin de definir un novo marco de acción a fin de reforzar a competitividade da nosa cidade neste eido.

En resumo, este proxecto trata de fortalecer o sector turístico de Lugo a través da creación dunha oferta global que integre todos os servizos, produtos e iniciativas desenvoltas polos axentes do sector e que ofrecen de xeito particular aos turistas que nos visitan. “Partindo desta oferta atomizada queremos ofrecer unha marca integradora que sirva de plataforma a todas as iniciativas, tanto públicas como privadas”, explicou Antón Bao.

Esta colaboración construtiva debe servir para que o turista prolongue a súa estancia en Lugo e, para iso, ten que atopar no destino unha oferta ampla e variada. “Un dos pasos fundamentais que faltaba por dar para poder ofrecer un programa turístico completo de Lugo era precisamente integrar todas as iniciativas que se desenvolven na cidade e na súa contorna e que se poida vender nas distintas canles que temos na nosa man baixo o concepto de paquetes turísticos estacionais e que nos sitúen no mercado turístico como destino durante todo o ano”, dixo o tenente alcalde.

‘En Primavera, ponte en Lugo’

Este produto de promoción turística ten dúas liñas de actuación. Dunha banda, unha campaña de carácter xenérico para promocionar os atractivos e os servizos turísticos de Lugo destinada a medios especializados, axencias de viaxe e oficinas de turismo; e doutra banda, unha campaña específica que se vai deseñar para cada unha das citas turísticas da primavera, como son a Semana Santa e as pontes do 1 de maio e a festividade das Letras Galegas.

Ámbalas dúas campañas vanse difundir a través da rede, aproveitando as redes sociais e a web 2.0. A través do correo electrónico achegaremos a información a medios de comunicación especializados, oficinas de turismo de Galicia, España e Europa e a axencias de viaxe.

Unha das primeiras iniciativas ao fío desta campaña é a desenvolta pola empresa lucense SienteGalicia.com que xa está a ofrecer paquetes turísticos especiais de Semana Santa. Dende hoxe mesmo, os turistas teñen a posibilidade de escoller entre seis paquetes, aínda que nos vindeiros días a oferta vaise ampliar, que van dende 23 euros por persoa e noite ata os 67,50 euros e inclúen actividades como visitas guiadas, sesións de spa ou excursións polos arredores de Lugo. Trátase pois, de ofertas variadas e adecuadas a todos os petos e necesidades.

As campañas vanse difundir en galego, castelán e inglés. Deste xeito, o Concello tratará de buscar unha difusión internacional en mercados como Inglaterra, Alemaña, Países Nórdicos e Polonia. Esta información estará dispoñible tamén na web www.lugoturismo.com.

Tarxeta LugoCard www.lugoturismo.com/lugocard

Especial Lugo RESERVAR www.sientegalicia.com/tienda/tema.php?id=34&n=Especial-Lugo


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova