Imprimir

O CONCELLO DE LUGO NON TEN QUE FACER NINGÚN PLAN DE AXUSTE QUE IMPLICARÍA MÁIS IMPOSTOS OU RECORTES EN SERVIZOS E PERSOAL


27/3/2012 O Interventor municipal presentou hoxe á Comisión de Contas o informe que certifica que o Concello de Lugo non ten facturas pendentes anteriores a 2012

A Concelleira de Economía destaca que é unha boa noticia e anuncia que o Concello ten liquidez para seguir atendendo as obrigas contraidas


A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou hoxe de que o Concello de Lugo non ten necesidade de facer ningún plan de axuste que suporía máis impostos ou recortes en servizos e persoal, xa que ten liquidez e a economía municipal está saneada.

Méndez explicou que o Interventor municipal deu conta hoxe á Comisión de Contas do  informe que certifica que o Concello de Lugo non ten facturas pendentes anteriores ó 1 de xaneiro de 2012.

A Concelleira de Economía manifestou que "esta boa noticia significa que, a diferencia do que sucede noutros concellos, o de Lugo non terá que acollerse a un plan de axuste e, polo tanto, non teremos que subir impostos nin taxas, tampouco recortar salarios ou despedir persoal nin nos veremos obrigados a recortar servizos ós cidadáns e non teremos que aumentar o endebedamento contraendo un préstamo cun 5% de intereses".

Sonia Méndez  indicou que a liquidez da que dispón o Concello permítelle seguir na mesma liña, de xeito que, segundo anunciou a Concelleira "continuamos afrontando as obrigas contraidas polo Concello e, por iso, no vindeiro pleno, atenderemos obrigas de pagos por importe de 220.000 euros por facturas recibidas este ano correspondentes a consumo de enerxía do pasado exercicio e polo convenio co Colexio de Farmacéuticos para pagar receitas de funcionarios".

Seguimento nas obras dos colectores

Por outra parte, a Concelleira de Economía manifestou que o PP minte nas súas críticas sobre a instalación de colectores soterrados no casco histórico e fai un perxuizo innecesario tanto ós funcionarios municipais que fan o seguimento da obra e tamén á empresa e ós traballadores que están a instalar os colectores.
“Trátase dunha adxudicación que se acordou por unanimidade, tamén co voto a favor do PP”, explicou Sonia Méndez quen destacou que “a obra está dirixida por un funcionario municipal, faise seguimento día a día desta actuación e temos documentos, mesmo fotográficos, nos que se acredita que se está cumprindo o proxecto”.

“Ó PP parece que non lle importa recoller calquera rumor, sen fundamento, para poñer en dúbida non só a xestión do Goberno municipal senón tamén o labor dos funcionarios, das empresas e dos seus traballadores”, manifestou Méndez que remarcou que “temos vixianza das obras por parte dos técnicos competentes e non se necesita un Pepe Gotera e Otilio que é o que parecen os concelleiros do PP”.