Cargando....
Concello de Lugo
25/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Escola Municipal de Música comezará a funcionar en setembro e impartirá 21 materias


# Martes, 27/03/2012
As persoas que se matriculen poderán escoller entre 12 instrumentos de vento e percusión e as clases serán impartidas polos músicos da Banda Municipal

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que este novo servizo vai ser moi demandado polos cidadáns porque permitirá a aprendizaxe musical tanto de nenos e nenas como de persoas maiores

Lugo contará o próximo curso cunha Escola Municipal de Música vinculada á Banda Municipal que impartirá clases de formación musical a persoas de todas as idades. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou esta mañá que a creación desta Escola Municipal era un compromiso do BNG no seu Programa de Goberno e a súa posta en marcha vai supoñer un novo servizo para os cidadáns de Lugo. “É un servizo que vai destinado a toda a poboación”, explicou hoxe o tenente alcalde, que afirmou ademais que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

A creación da Escola Municipal de Música irá a pleno o vindeiro día 9 de abril e comezará a funcionar en setembro. Antes do verán, explicou Antón Bao, abrirase o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan reservar a súa praza. A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico, afirmou o responsable de Cultura do Concello. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagote, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.

Crear “canteira” para a Banda Municipal

Da docencia encargaranse os propios músicos da Banda Municipal ou que pasarán a ser traballadores a xornada completa do Concello. Antón Bao destacou que a posta en marcha desta Escola significa “consolidación de emprego e creación de postos de traballo”. Ao mesmo tempo, destacou o tenente alcalde, dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda.

Coñeza a Banda Municipal www.lugo.es/banda

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova