Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O auditorio Gustavo Freire acollerá no mes de abril 14 días de actividades de música, danza e teatro


# Martes, 27/03/2012
Durante o vindeiro mes actuarán en Lugo Los Chicos del Coro, a Orquestra Sinfónica Gaos e haberá representacións de teatro para nenos e maiores

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Na última semana do mes a nosa cidade acollerá a compañías de danza de toda Galiza dentro da I Semana da Danza de Lugo

O auditorio municipal Gustavo Freire acollerá o vindeiro mes de abril unha completa programación de música, danza e teatro pensada para todos os públicos e que fará que o auditorio teña actividade 14 días do mes, segundo destacou esta mañá o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, na presentación das distintas actividades encadradas na programación do mes da abril do auditorio.

Entre as actividades deseñadas hai música de distintos estilos, dende a música galega á música clásica pasando pola actuación dun coro infantil. O auditorio acollerá na primeira semana do mes o Festival de Primavera e o Curso de Cultura Tradicional que promove a Asociación Cántigas e Frores. Por contra, o mes pecharase con música clásica, a través da actuación da Orquestra Sinfónica Gaos. O mércores terá lugar unha importante actuación, a do coñecido grupo internacional de Los Chicos del Coro de Saint Marc.

A presenza do teatro será tamén continua durante todo o mes, con tres representacións: o sábado 14 a compañía de Santiago Cortegoso representará a obra A filla de Woody Allen; o venres 20 a compañía Volta e Dalle representará Menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro; e o domingo 22 haberá teatro infantil a cargo da Aula de Teatro da Universidade de Ourense, que representará a obra Gepetto.

I Semana da Danza de Lugo

O prato forte da programación do vindeiro mes de abril será a celebración por primeira vez en Lugo dunha Semana da Danza, que traerá á nosa cidade na última semana de abril a compañías de toda Galiza. Con esta I Semana da Danza de Lugo, a danza incorpórase de maneira oficial como disciplina artística á programación oficial do Concello de Lugo e do Auditorio Gustavo Freire,.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, proclamado pola Unesco en 1982 e se celebra todos os 29 de abril, o auditorio Gustavo Freire de Lugo acollerá do 23 ao 27 de abril, un amplo programa de actividades que inclúen un encontro de 11 escolas de danza de toda Galiza, unha homenaxe a destacada coreógrafa e bailarina italiana Pina Bausch, a estrea de ‘Opening’, un traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, e a representación de ‘Aínda’, a última produción do Centro Coreográfico Galego.

A I Semana da Danza de Lugo comezará o luns 23 de abril cunha homenaxe á destacada bailarina e coreógrafa alemana Pina Bausch e a proxección en 3D da película Pina, dirixida por Win Wenders sobre a vida de Philippina Bausch (Solingen, 1940 - Wuppertal, 2009), coñecida artisticamente como Pina Bausch e considerada unha das grandes figuras da danza internacional contemporánea. Ao día seguinte, o martes 24 de abril, o auditorio Gustavo Freire acollerá un Concurso Coreográfico, que consistirá na presentación dos traballos coreográficos sobre Pina Bausch do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Encontro de escolas de Danza de toda Galiza

O mércores 25 terá lugar o acto colectivo de conmemoración do Día Internacional da Danza 2012 coa participación de 11 centros de ensinanza de danza de toda Galiza: Asociación Cultura Mundo Danza de Ferrol, Ballet Studio de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Companía de Danza da USC-Lugo, Escola de Danza Contemporánea de Narón, Escola de Danza Deborah de Vigo, Escola de Danza Druida de A Coruña, Escola Municipal de Danza de Oleiros, Escola Municipal de Danza de Ponteceso e Danza Susana Castro de Vigo. Será ás 19:00 horas no Auditorio Gustavo Freire con entrada de balde. En total participarán no espectáculo máis de 100 bailaríns e bailarinas de toda Galiza.

Con este encontro a nivel galego conmemorarase o Día Internacional da Danza, proclamado pola Unesco en 1982 e que se celebra todos os 29 de abril. Foi establecido polo Comité de Danza do Instituto Internacional do Teatro da Unesco co fin de atraer a atención sobre a arte da danza. Foi instituído a partir da proposta do mestre ruso Piepor Gusev de Leningrado, de homenaxear ao gran innovador do ballet clásico, o coreógrafo francés Jean Georges Noverre, nacido o 29 de abril de 1727, quen foi o máis grande coreógrafo da súa época, e está considerado o creador do ballet moderno ou neoclásico. É un día de festa que celebran todos os países do mundo con espectáculos especialmente dedicados á danza a través de: clases abertas, ensaios ao aire libre, conferencias, exposicións, publicacións en diarios e revistas, bailes populares, programas en radio e TV, espectáculos rueiros, entre outros.

Representación da última produción do Centro Coreográfico Galego

O xoves 26 de abril terá lugar a representación de Aínda, última produción do Centro Coreográfico Galego, e ao día seguinte, o venres 27 será a estrea de Opening, unha viaxe ao mundo interior da muller a través da natureza e do son, presentado nun traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe polas alumnas de Grao Profesional da especialidade Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo xunto co percusionista Diego Ventoso.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova