Cargando....
Concello de Lugo
06/12/22
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo esixe que os Orzamentos do Estado que o Consello de Ministros aproba este venres cumpran os compromisos fixados con Lugo


# Mércores, 28/03/2012
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, reclama ao Goberno de Mariano Rajoy que aclare o futuro da chegada do AVE a Lugo e remate as autovías con Santiago e Ourense

Entre as peticións do Concello están tamén o desdobramento da Ronda Norte e a mellora dos accesos á cidade pola Fervedoira e pola Volta da Viña

O Concello de Lugo espera que os Orzamentos Xerais do Estado para este ano, que este venres aproba o Consello de Ministros, recollan todas aquelas obras e infraestruturas que necesita a cidade e que levan anos comprometidas. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, instou hoxe a Mariano Rajoy, a cumprir os compromisos con Lugo nos seus primeiros Orzamentos como presidente do Goberno e pediu aos representantes do Partido Popular a nivel local que non sexan “cómplices” dos posibles incumprimentos que poida haber coa nosa cidade.

En rolda de prensa logo da Xunta de Goberno Local, Antón Bao pediu que os “recortes” que anunciou Rajoy non lle afecten ás infraestruturas que Lugo necesita e detallou todas aquelas cuestións que, dende o punto de vista da cidade de Lugo, deberían recoller os Orzamentos do Estado para este ano.

Referiuse, por exemplo, ao desdobramento e iluminación da Ronda Norte, que xa contaba cun compromiso orzamentario de 2,2 millóns de euros. “O desdobramento e iluminación da Ronda Norte é prioritario en Lugo para mellorar a conexión do novo hospital e do Polígono das Gándaras e para resolver os graves problemas de seguridade vial que ten esta vía. Neste momento atópase na fase de elaboración do proxecto, pero é necesario que comecen as obras”, dixo Bao.

Tamén pediu a mellora dos accesos á cidade pola Fervedoira e pola Volta da Viña. Lembrou que o BNG nunca defendeu que o ramal da nova ponte coa cidade se fixera a través do Parque Marcos Cela, senón pola Volta da Viña, pero que esta conexión debe ser mellorada para que poida acoller o suficiente volume de tráfico de maneira fluída.

Axilización das obras da autovía a Santiago

O tenente alcalde nacionalista tamén esixiu o remate da autovía a Santiago, para o que dixo, os Orzamentos estatais que se aproban o venres deben recoller “as cantidades económicas necesarias para axilizar as obras nos distintos tramos e pórlle fin deste xeito á ralentización que están a sufrir nos últimos meses”. Bao tamén pediu que o Goberno de Rajoy “defina dunha vez se se vai facer a autovía a Ourense ou non”. “Ou arre ou xó, pero que o digan”, reclamou Bao.

Algún avance na intermodal

Antón Bao tamén pediu “algún avance na estación intermodal”. “Agardamos que non se paralice esta obra, que era un compromiso existente, nin se ralenticen os seus prazos”, indicou o tenente alcalde e preguntou “que pasa co proxecto que está en redacción e do que nada se sabe de momento”. Tamén pediu á ministra de Fomento, Ana Pastor, que garanta a través dos Orzamentos “que o AVE vai chegar á cidade de Lugo”. En materia ferroviaria Bao tamén reclamou partidas para a posta en marcha dun tren de proximidade que conecte as principais vilas da provincia.

Financiamento local e servizos públicos

Finalmente, o tenente alcalde tamén pediu que os Orzamentos “manteñan o financiamento aos Concellos e nomeadamente as previsións de fondos estatais que o Concello de Lugo ten nos seus Orzamentos para este ano”. Antón Bao lembrou que os concellos galegos teñen desvantaxes obxectivas coma a dispersión ou o avellentamento da poboación que deberían ser tidas en conta no reparto de fondos do Estado.

Así mesmo, o responsable nacionalista tamén incidiu en que os recortes anunciados nos Orzamentos do Estado non deberían afectar a servizos públicos básicos nin á cobertura social. “A educación e a sanidade públicas e de calidade deberían estar garantidas”, defendeu.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova