Cargando....
Concello de Lugo
24/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Luis Álvarez e Antón Bao informaron dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno Local


# Mércores, 28/03/2012
Aprobouse a actualización segundo o IPC do contrato para 25 prazas de a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A cidade de Lugo opta a formar parte dunha guía estatal de turismo accesible

Na Xunta de Goberno celebrada esta mañá acordáronse varias licenzas de obra e actividade da que destaca a concesión da licenza para a restauración da edificación existente para albergar a sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) no Campus Universitario que conta cun presuposto de obra de 195.946 euros e un prazo de realización de 30 meses segundo indicou Luis Álvarez.

O Concelleiro de Urbanismo informou que se acordou a imposición dunha cuarta multa coercitiva polo importe de 6.000 euros aos propietarios do inmoble número 48 da Ronda da Muralla, ao non cumprir o acordado en anterior Xunta de Goberno Local para a presentación do correspondente proxecto de rehabilitación do devandito inmoble.

Luis Álvarez tamén destacou a revisión de prezos de varios contratos para aplicarlles unha subida correspondente ao IPC. Un deles é o da adxudicataria da contratación de 25 prazas para a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna para o período que vai dende o 26 de febreiro de 2012 ata o 25 de maio de 2012. Cada unha das prazas ten un custe, que asume o Concello, de 635,14 euros mensuais quedando o contrato trimestral en 47.635 euros IVE incluído.

Na Xunta de Goberno Local tamén aprobou a revisión de prezos segundo do IPC do contrato subscrito coa adxudicataria do servizo de retirada de vehículos da vía pública e o seu traslado ao depósito, para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2011 e o 30 de novembro de 2012, quedando o prezo anual establecido en 566.921 euros con IVE incluído. Outro dos contratos revisados para o período comprendido entre o 17 de decembro de 2011 e o 16 de decembro de 2012 é o asinado coa empresa encargada da prestación do servizo de control de estorniños na cidade de Lugo mediante a elaboración dun plan integral, quedando o prezo anual establecido en 17.864 euros con IVE incluído.

Turismo accesible
O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, deu a coñecer na rolda de prensa da Xunta de Goberno que a cidade de Lugo opta a formar parte dunha guía estatal de turismo accesible que está elaborando a Plataforma Estatal de Discapacitados Físicos (PREDIF) e a Fundación ONCE.

Esta guía, que recollerá aquelas instalacións culturais e lugares de ocio accesibles para persoas con algún tipo de discapacidade, pretende facilitar aos turistas con discapacidade de todo o Estado unha listaxe de recursos turísticos accesibles nas distintas cidades do Estado español.

Antón Bao destacou os avances acadados polo Concello no campo da accesibilidade, como a sinalización turística en braille que acaba de ser instalada en todo o casco histórico, e avanzou que o obxectivo é lograr que Lugo sexa unha “cidade accesible” dende o punto de vista turístico.

Os paneis con información turística en braille dos distintos monumentos e lugares de interese do casco histórico, inaugurado a pasada semana, permite que as persoas con deficiencias visuais teñan acceso á información da nova sinalización turística, instalada con financiamento do Plan Urban e coa colaboración da ONCE.

O tenente alcalde destacou que con esta sinalización en braille avánzase un chanzo máis no obxectivo de conseguir que Lugo sexa unha cidade accesible tamén para o turismo. Neste sentido, instou á Xunta a resolver os problemas de accesibilidade da Muralla para que o principal monumento da cidade, que constitúe o emblema de Lugo e que está declarado monumento Patrimonio da Humanidade sexa accesible e poida ser visitado, por exemplo, por persoas en cadeira de rodas.

Conferencia Hidrográfica Miño-Sil
O Concelleiro de Urbanismo tamén explicou que dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil enviouse unha carta ao Concello no que se informa da situación excepcional de escaseza de choiva aínda que a situación non pon en risco directo as reservas de abastecemento dos principais sistemas. Segundo explicou Luis Álvarez, informase de posta en marcha dun Plan Especial de Actuación en Situacións de Alerta e Eventual Sequía da conca hidrográfica do Miño-Sil no que se prevé un conxunto de medidas como é o aforro de subministro en usos non prioritarios (xardíns ou baldeo de rúas) ou a redución da presión nocturna nas redes urbanas.

Luis Álvarez avanzou que “estas medidas non son unha novidade xa que por parte deste Concello véñense aplicando dende hai meses pola situación atmosférica xa que non chove”.



Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova