Imprimir

FRANCISCO FRAGA E SONIA MÉNDEZ ASISTEN Á INAUGURACIÓN DA PRIMEIRA FERRETERÍA QUE SE INSTALA NA PRAZA DE ABASTOS


30/3/2012 O Concelleiro salientou a instalación de emprendedores que recibiron o apoio do CEI-Nodus

Os concelleiros de Servizos Xerais, Francisco Fraga, e de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, participaron hoxe na inauguración da ferretería do Barrio, un novo negocio que abriu na Praza de Abastos e que está dirixida por un emprendedor que recibiu asesoramento no CEI- Nodus e do Plan Urban.

No acto, Francisco Fraga referiuse ós planes do Concello para dinamizar a Praza e o Mercado e indicou que a próxima actuación da súa Concellería será dotar de acceso a internet a todos os postos, unha medida que se enmarca no proxecto de venda de produtos por internet.

O responsable da área de Servizos Xerais destacou que “queremos diversificar a praza para intentar que cada vez máis xente acuda a este sitio privilexiado e intentando que os emprendedores, en colaboración directa co CEI-Nodus, acaben vendendo os seus produtos na Praza e no Mercado”.

Neste sentido, tamén falou dos novos negocios que está previsto abrir na Praza e o Mercado “este é un exemplo pero pronto abrirán novos comercios liderados por emprendedores que se apoiaron nas axudas que presta o CEI-Nodus para a creación de novas empresas e proximamente abrirá un local de venda de produtos de soia e outro de pastas artesanais”. Así, destacou que se vai intentar que os postos estean listos coa maior brevidade e avanzou que nos vindeiros meses “vaise realizar unha reforma importante do Mercado para arranxalo e instalar novas tecnoloxías” co obxectivo de que se converta nun referente para os veciños.

O futuro dos mercados non está só na alimentación senón na instalación de novos comercios que teñan relación coa alimentación pero que permita facer unha compra máis completa a todas as persoas que usen estes espazos, segundo declarou Fraga.

cei.lugo.es / www.lugo.es/urban