Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ESIXE Á XUNTA DE GALIZA QUE CUMPRA O CONVENIO ASINADO E EXECUTE A TOTALIDADE DAS OBRAS PENDENTES DO PLAN PARADAI ANTES DO ANO 2014


2/4/2012 O Goberno de Núñez Feijóo pretende agora deixar sen efecto o convenio e deixar de executar máis de 6 millóns de euros alegando problemas orzamentarios

A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, considera “inaceptable” un novo atraso nestas obras, previstas dende o ano 1999

O Concello de Lugo considera “inaceptable” un novo atraso nas obras do Plan Paradai e esixe á Xunta de Galiza que execute as obras pendentes tal como estaban previstas, antes de 2014. A concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, explicou hoxe que a Xunta do Partido Popular pretende deixar sen efecto o convenio asinado no ano 2010 co Concello de Lugo e deixar sen executar máis de 6 millóns de euros alegando problemas orzamentarios.

Segundo detallou Paz Abraira, a Xunta pretende adiar a 2018-2019 a finalización do Plan Paradai. Na reunión da Comisión de Seguimento, celebrada o pasado venres, a Xunta propuxo unha nova planificación para as tres obras pendentes da última fase (Ponte Paradai, Estrada das Gándaras e Rúa Alta-Conde Fontao) segundo a cal só se executarían 3,5 dos 9,7 millóns de euros pendentes ata 2014. Estes cartos irían destinados a construción da Ponte Paradai e a súa conexión con Serra de Meira e a Rúa Monforte; as outras dúas obras, a Estrada das Gándaras e a mellora do tráfico no entorno da Estación de Ferrocarril quedarían suspendidas sen data para a súa realización, pendentes da sinatura dun novo convenio co Concello.

A responsable municipal de Infraestruturas considera que esta proposta da Xunta é “inaceptable” porque supón a modificación do convenio asinado no seu día entre a Xunta e o Concello e adía a finalización dunhas obras previstas dende o ano 1999, deixando deste xeito sen conexión axeitada coa cidade os barrios das Gándaras e o Sagrado Corazón. Paz Abraira dixo que “cando se remate, o Plan Paradai levará 20 anos executándose para un investimento de tan só 17 millóns de euros”, lamentou a concelleira nacionalista, que lembrou as “reiteradas demandas dos veciños destes barrios para que se acaben dunha vez por todas as obras”.

Os terreos a disposición da Xunta dende finais de 2010

A responsable de Infraestruturas municipal tamén pediu á Xunta “que non poña escusas para executar a obra” porque “os terreos están a súa disposición dende finais de 2010”, explicou. Paz Abraira amosou para demostralo os decretos de cesión dos terreos á Administración autonómica para que esta contratase as obras, que forno postos a disposición da Xunta polo Concello o 8 de novembro de 2010.

Paz Abraira pediu tamén ao portavoz do Partido Popular en Lugo, Jaime Castiñeira, que “deixe de encubrir os incumprimentos da Xunta de Galiza” e pediulle que neste asunto se poña “do lado dos veciños e veciñas de Lugo e reclame a Núñez Feijóo que cumpra co convenio acordado nos prazos e orzamentos fixados e non recorte investimentos necesarios na cidade de Lugo”.

Incumprimento dos Orzamentos da Xunta aprobados hai dous meses

A concelleira de Infraestruturas tamén lle recriminou á Xunta de Galiza que pretenda agora incumprir o convenio do Plan Paradai en contra dos propios Orzamentos da Xunta de Galiza aprobados para este ano, no que se recollían integramente as cantidades fixadas no convenio para a execución do Plan Paradai (2,2 millóns de euros en 2012; 2,5 millóns o ano que vén e 4,9 millóns en 2014).

“Que credibilidade ten este Goberno do Partido Popular se agora incumpre o que eles mesmos aprobaron hai dous meses nos seus Orzamentos?”, preguntou Paz Abraira, que cuestionou “cantas falsidades máis contén o documento de Orzamentos aprobado pola Xunta hai dous meses?”.

A concelleira nacionalista cualificou de “Goberno de xoguete” o actual Goberno da Xunta e reprochoulle que investimentos tan importantes para a cidade de Lugo como o Auditorio ou o Museo da Romanización sigan parados. “O Auditorio segue parado e o Museo da Romanización non existe e agora pretenden paralizar tamén o Plan Paradai”, criticou Abraira.