Imprimir

A ARMADA CELEBRA O 30 ANIVERSARIO DA ENTREGA E DOAZÓN DA BANDEIRA DO TERCIO DO NORTE POR PARTE DO CONCELLO DE LUGO


2/4/2012 O Alcalde e o Almirante do Tercio do Norte presidiron os actos da mañá, ós que tamén asistiu o Presidente da Deputación

O desfile correu a cargo dunha escuadra de gastadores, unha sección de honores do Tercio Norte e a banda de música

Pola tarde a Armada participará na procesión da Virxe da Esperanza que percorre as rúas do Casco Histórico



A Armada celebrou hoxe o trinta aniversario da doazón da Bandeira Nacional do Tercio do Norte de Infantería de Marina que o Concello de Lugo realizou nun acto o día 5 de abril de 1982. Neste sentido, tamén renovou, un ano máis, o seu apoio á Semana Santa de Lugo coa parada militar que se celebrou esta mañá na praza Maior e da que puideron desfrutar numerosos lucenses.

Os actos comezaron na Casa do Concello, onde o Alcalde, José López Orozco, acompañado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o resto da Corporación municipal recibiron ás autoridades. Deseguido, as autoridades civís trasladáronse á praza Maior, onde estaban formadas as tropas, compostas por unha escuadra de gastadores, banda de música, un cornetín de órdenes do Tercio do Norte, dúas seccións de Honores do Tercio do Norte e unha do Arsenal.

Diante da Casa do Concello o Alcalde e o resto das autoridades civís recibiron ó Almirante Jefe da Armada de Ferrol, Almirante Francisco Cortés Uria, que encabezou a representación militar. Despois de pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades civís, o Almirante e o Alcalde presidiron a tradicional parada militar.

Unha vez rematado o desfile, que foi presenciado por gran número de persoas, as autoridades acudiron ó despacho da Alcaldía e o Almirante Xefe da Armada de Ferrol asinou no Libro de honor onde escribiu a seguinte dedicatoria:

Es para mi un honor muy especial dejar constancia de la presencia de la Armada en este Lunes Santo, que hace patente los especiales lazos que la unen a Lugo y a la Insegne Cofradía de la Santísima Virgen de la Esperanza.

La celebración este año del trigésimo aniversario de la donación y entrega de la Bandera del Tercio del Norte pone de manifiesto la fuerza y la vitalidad de esta vinculación que tanto apreciamos.

En nombre del Almirante General Jefe del Estado Mayor de la Armada quiero agradecer la magnífica acogida que nos dispensa la ciudad y desear lo mejor para un futuro.

A continuación, o Alcalde pronunciou un breve discurso no que lle deu a benvida e destacou que “é un pracer que estea na nosa cidade representando á Armada española”. Tamén dixo que “é un orgullo para os lucenses recibilos xa que representan o traballo ben feito e a defensa de cada un dos españois sempre na paz, aínda que sabemos que tamén o farían na guerra, pero mellor que nunca veña”.

O Alcalde lembrou que a presenza da Armada nos actos da Semana Santa de Lugo prodúcese desde 1953, por invitación da Confraría da Virxe da Esperanza, que tamén tomou parte nos actos da mañá cunha representación encabezada polo seu Irmán maior, Isabel Lagares. Ademais salientou que “o feito de poder honrar á bandeira tamén nos fai sentir máis orgullosos e danos unha responsabilidade xa que nos representa a todos e fainos sentir españois pero tamén galegos.” A Armada foi nomeada Irmán Maior Honorario da Confraría da “Santísima Virgen de la Esperanza de Lugo” no 1952, ano no que esta participa por primeira vez na procesión que percorre as rúas da capital o luns de Semana Santa.

Pola súa parte, o Almirante Xefe da Armada dixo que “a Armada está encantada da amabilidade da cidade de Lugo cara nós”. Dixo, ademais, que “este ano é especial xa que honramos a Bandeira do Tercio do Norte que tamén é a bandeira da Armada de Ferrol e nestes trinta anos moitos infantes de marina realizaron infinidade de operacións de vixilancia e estiveron presentes en moitas partes do mundo, cumprindo e honrando a esta Bandeira cedida polo Concello de Lugo”.

Xa pola tarde, ás oito terá lugar a recepción ás autoridades no Concello e ás 20.30 está programada a saída da procesión da Virxe da Esperanza da Igrexa da Nova. O itinerario da procesión que organiza a Insigne Confraría da Virxe da Esperanza recorrerá a praza de Anxo Fernández Gómez, Campo Castelo, Ronda da Muralla, Bispo Aguirre, fondo da Praza Maior, Conde Pallares, Santo Domingo, Raíña, Praza Maior (diante do Concello) e rematará na praza de Anxo Fernández Gómez.

Semana Santa 2012 www.semanasantadelugo.com