Imprimir

O CONCELLO DARÁ FORMACIÓN A DEZ DESEMPREGADOS EN OFICIOS RELACIONADOS COA REFORMA DE INTERIORES CON FINANCIAMENTO DO PLAN URBAN


4/4/2012 A Xunta de Goberno Local tamén acordou contratar dous vehículos para a Policía Local e o servizo de Xardíns e deu licenza para unha nave no parque das Gándaras

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a contratación dun programa de formación en reforma de interiores para persoas con especiais dificultades de acceso ó mercado laboral, segundo informou o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez.

No curso, que se enmarca no Proxecto Urban, cofinanciado no 70% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, poderán participar dez alumnos e alumnas que se formarán en oficios relacionados coa reforma de edificios como a electricidade ou a fontanería. Trátase dun curso cun total de 360 horas que conta cun presuposto de 39.0000 euros.

Luis Álvarez salientou que se prevé a contratación nas obras de rehabilitación do Vello Cárcere dalgúns dos alumnos participantes neste curso, igual que nos de cantaría e madeira que xa se impartiron a través do Plan Urban. De feito catro dos participantes no curso de cantaría xa están traballando nesa obra, segundo informou o Concelleiro.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou hoxe a apertura do procedemento de contratación para as subministracións mediante lotes dun vehículo radio patrulla con destino á Policía Local e dun vehículo furgón mixto para o servizo de Xardíns. O primeiro deles conta cun presuposto de 33.461 euros e o segundo, de 21.192 euros. A contratación farase a través do sistema de alugamento financeiro (operación leasing).

Outro acordo tomado pola Xunta de Goberno Local foi a concepción de licenza de obras para a construción dunha nave sen uso definido na parcela E.2.2 do parque empresarial das Gándaras. O presuposto é de 124.668 euros e o prazo de execución de trinta meses.

www.lugo.es/urban