Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A maxia inundará Lugo do 29 de abril ao 5 de maio con máis de 60 actuacións a cargo de 30 magos chegados de todo o mundo


# Luns, 09/04/2012
"LugoMáxico 2012" volve á primavera e terá máis actuacións de rúa ca nunca, con espectáculos en 10 puntos distintos da cidade

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destacou a calidade do programa deste ano pese a que se conseguiu reducir o seu custo un 30%

A cidade de Lugo converterase un ano máis na capital galega da maxia do 27 de abril ao 5 de maio. 30 magos chegados de todo o mundo daranse cita na 9 Semana Internacional de Maxia de Lugo, que este ano sacará a maxia á rúa, con máis de 60 espectáculos en distintos puntos da cidade.

Esta é unha das principais novidades desta edición do LugoMáxico 2012 e unha das razóns que motivou que a Semana da Maxia volva á súa localización orixinaria na primavera, segundo destacou esta mañá na presentación da programación o tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, acompañado de José Antonio Díaz, presidente do Colectivo Máxico Waldemar, que aglutina aos magos de Lugo. Díaz incidiu no obxectivo de “facer das rúas de Lugo un escenario aberto durante toda a semana para levar a maxia cerca da xente”.

Durante toda a semana, 30 magos chegados de diferentes partes do mundo (Arxentina, EEUU, Ucrania, China, Francia…) farán as delicias de todos os lucenses, que poderán disfrutar de máis de 60 actuacións repartidas por toda a cidade. Haberá actuacións de rúa na Praza Maior, na Rúa San Marcos, na Praza do Campo, en Campo Castelo, en Bispo Aguirre, na Universidade, en Augas Férreas, na Praza da Milagrosa e no Barrio da Residencia, así como no Hospital Lucus Augusti, no centro de día Antonio Gandoy, no Mesón do Forno, na asociación Aspnais e na Asociación de Persoas Xordas.

Como novidade este ano está tamén a instalación de dúas carpas a modo de teatros de rúa na Praza Maior e en San Marcos que continuamente, todas as tardes, terán pases cada 15 minutos con entrada aberta e de balde, explicou o presidente do colectivo de magos de Lugo, que explicou que só haberá que pagar polas galas do auditorio, que terán un prezo de entre 8 e 12 euros as de público adulto e entre 5 e 9 euros a infantil.

O Concello agarda acadar este ano os 10.000 espectadores nun evento que chega á súa novena edición e que xa está consolidado e atrae a público de toda Galiza. “Cando hai nove anos falabas cos magos internacionais para que viñeran a Lugo non era doado convencelos; hoxe calquera mago que chames quere vir a Lugo porque por aquí pasaron nas 8 edicións anteriores os mellores magos de todo o mundo”, destacou José Antonio Díaz. Antón Bao explicou que a Semana da Maxia deste ano está á altura de calquera das edicións anteriores a pesar de ser feita con menos diñeiro (o Orzamento reduciuse un 30% ata os 50.000 euros).

4 galas no auditorio

A 9 Semana Internacional de Maxia de Lugo, arrincará o próximo 29 de abril cunha Gala Inaugural a cargo do Mago Karim (presentador da Gala Internacional do Lugomáxico 2010) e que deixou un moi bo sabor de boca entre os lucenses. Nesta ocasión Karim será o encargado de inaugurar este Lugomáxico presentando o seu espectáculo Comedia Mágica. Será ás 19:00 horas.

Gala Infantil Lugomáxico 2012 o día 1 de maio ás 18:00 horas a cargo da Compañía Ludus, especialista en maxia para nenos. Presentarán o espectáculo que lles fixo ser premio estatal de maxia infantil.

Gala Unipersonal Lugomáxico 2012 o día 4 de maio as 21:00 horas a cargo de Antonio Díaz, que nos presentará o espectáculo La asombrosa historia de Mr. Snow.

Gran Gala Internacional Lugomáxico 2012 o día 5 de maio ás 21:00 horas. Unha vez máis unha gala espectacular cunha selección dos mellores magos do mundo chegados de diferentes partes do planeta para amosarnos a mellor maxia que se pode ver nestes momentos. Participarán o mago Vovonin, de Ucrania, a maga china Huang Zheng, o mago americano Mike Caveney e o mago francés Arno. Presentará a gala o actor e monologuista galego Avelino González.

As entradas para estes espectáculos poranse a venda este mércores a través da web de NovaGalicia Banco.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova