Cargando....
Concello de Lugo
26/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Escola Municipal de Música comezará a funcionar en setembro e impartirá 21 materias


# Luns, 09/04/2012
O Pleno do Concello aprobou hoxe o inicio dos trámites para a creación desta Escola, que se ubicará no Centro Social Uxío Novoneyra

As persoas que se matriculen poderán escoller entre 12 instrumentos de vento e percusión e as clases serán impartidas polos músicos da Banda Municipal

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que este novo servizo vai ser moi demandado polos cidadáns porque permitirá a aprendizaxe musical tanto de nenos e nenas como de persoas maiores


Lugo contará o próximo curso cunha Escola Municipal de Música vinculada á Banda Municipal que impartirá clases de formación musical a persoas de todas as idades. O Pleno do Concello de Lugo aprobou na súa sesión desta tarde o inicio dos trámites para a creación desta Escola. O inicio do expediente de municipalización do servizo foi aprobado por unanimidade, co voto a favor de todos os grupos con representación municipal.

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou no Pleno que a creación desta Escola Municipal era un compromiso no Programa de Goberno e a súa posta en marcha vai supoñer un novo servizo para os cidadáns de Lugo. “É un servizo que vai destinado a toda a poboación”, explicou hoxe o tenente alcalde, que afirmou ademais que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

A Escola Municipal de Música estará ubicada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal. A Escola contará con diversas aulas e cabinas insonorizadas de ensaio, que estarán ubicadas no espazo que hoxe ocupa unha das dúas salas de exposicións do Uxío Novoneyra. As obras de remodelación terán un orzamento de 100.000 euros e comezarán en breve.

A Escola de Música comezará a funcionar en setembro. Antes do verán, explicou Antón Bao, abrirase o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan reservar a súa praza. A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico, afirmou o responsable de Cultura do Concello. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

Crear “canteira” para a Banda Municipal

As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagot, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.

Da docencia encargaranse os propios músicos da Banda Municipal, que pasarán a ser traballadores a xornada completa do Concello. Antón Bao destacou que a posta en marcha desta Escola significa “consolidación de emprego e creación de postos de traballo”. Ao mesmo tempo, destacou o tenente alcalde, dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda.

Coñeza a Banda Municipal www.lugo.es/banda

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova