Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Lugo rexistrou un 10% máis de turistas na Semana Santa con respecto ao ano pasado


# Mércores, 11/04/2012
Francisco Fraga informou que vai saír un novo contrato para a administración e renovación da páxina web do Concello para dar un mellor servizo aos cidadáns

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que “as distintas iniciativas que se están a poñer en marcha dende o Concello están a dar os seus froitos”


O Tenente de Alcalde e responsable da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, e o Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, informaron dos acordos aos que a Xunta de Goberno Local chegou esta mañá. Neste sentido, Francisco Fraga, destacou a concesión da licenza de actividade e obra da Aula de Produtos Lácteos (Cetil) na zona do Sur-K cun presuposto de 124.668 euros.

Por outro lado, o responsable da área de Servizos Xerais, deu a coñecer que se aprobou unha proposta de prórroga do contrato subscrito coa empresa encargada da prestación do mantemento diario dos contidos do portal municipal polo prazo máximo dun ano ou ben ata adxudicación e formalización dun novo contrato contado dende o 26 de marzo de 2012. Francisco Fraga explicou que “se está elaborando o novo prego de condicións que está orientado á modernización e dinamización dos contidos da web e a que sexan máis accesibles para os cidadáns para que poidan usar un buscador máis dinámico.” Outra das modificacións previstas é o da aparencia da páxina web para adaptarse aos novos tempos e intentar que a administración electrónica sexa o máis accesible posible para os cidadáns do mesmo xeito que as concellerías.

Tamén se vai levar a cabo a renovación de moitos dos contidos que están obsoletos coa intención de resaltar as noticias de prensa de forma directa, “sen esquecernos da adaptación ás novas redes sociais, que consideramos que son un sistema de comunicación fundamental sobretodo para a xente máis nova” afirmou Fraga que tamén se comprometeu a ter a nova páxina web para o verán.

Datos Turismo
A cidade de Lugo rexistrou 1.760 turistas na Semana Santa, un incremento dun 10% con respecto ao pasado ano, cando pasaron pola Oficina Municipal de Turismo 1.514 persoas. Os datos, facilitados hoxe polo tenente alcalde e responsable de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, reflicten unha tendencia á alza no número de turistas neste ano 2012. No que vai de ano a nosa cidade recibiu 5.782 visitantes, un 6,5% máis que no mesmo período do pasado ano.

Antón Bao dixo que “estes datos anímannos a seguir traballando co obxectivo de consolidar a Lugo como destino turístico” e, neste sentido, referiuse ás distintas iniciativas de impulso ao turismo que está a levar a cabo o Concello. “O traballo que se está a levar a cabo está a dar os seus froitos e pese á situación de crise estamos conseguindo manter os datos de turismo e mesmo incrementalos”, afirmou o tenente alcalde. Bao referiuse a iniciativas como as visitas guiadas polo patrimonio de Lugo ou aos paquetes turísticos postos en marcha por primeira vez nesta Semana Santa. O tenente alcalde destacou que “pese á ser a primeira vez e, polo tanto, non estar aínda suficientemente difundida e consolidada a oferta, tanto os paquetes turísticos como as visitas guiadas funcionaron ben”. Explicou que entre 10 e 15 persoas diariamente se apuntaron ás visitas guiadas e destacou o interese que despertaron os paquetes turísticos de natureza.

Durante esta Semana Santa Lugo rexistrou unha media de 176 turistas cada día. En canto aos datos globais de visitantes, Antón Bao sinalou que este ano comezou cun incremento de turistas respecto ao pasado ano. En concreto, nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e os primeiros 10 días de abril rexistráronse na Oficina Municipal de Turismo un total de 5.782 visitantes, 370 máis que no mesmo período de 2011. Por meses, o pasado mes de xaneiro rexistráronse 692 turistas fronte aos 630 do mesmo mes de 2011, e en febreiro foron 1.426 os visitantes contabilizados, fronte aos 1.150 do ano pasado e en marzo 2.213 fronte aos 2.118 do pasado ano. Por períodos concretos, destaca neste ano a presenza de turistas na Semana Santa (1760), en Nadal (426 visitantes), no Entroido (200 visitantes) e na ponte de San Xosé, que era festivo en moitas comunidades (210 visitantes).

Unha oferta que terá continuidade
O Concello de Lugo ofreceu por primeira vez esta Semana Santa paquetes turísticos que incluían patrimonio cultural, actividades de natureza e gastronomía. O obxectivo é ofrecer ao visitante toda unha serie de actividades co obxectivo de que pase máis dun día na nosa cidade. Estes paquetes á carta para varios días terán continuidade durante esta primavera nas pontes do 1 de Maio e das Letras Galegas e serían exportables a calquera época do ano destinado a escapadas de fin de semana.

O dossier elaborado polo Concello en tres idiomas (galego, castelán e inglés) con todas as posibilidades que ofrece Lugo e o seu entorno foi enviado a 3.000 axencias de viaxe de todo o Estado, fundamentalmente de Castela e León, Asturias, País Vasco, Madrid, Cataluña e Andalucía, que son as comunidades de onde máis turistas recibe Lugo. A proposta do Concello de Lugo é unha oferta global que integra tamén produtos e servizos de distintas empresas que traballan no eido turístico en Lugo, como rutas en segway, visitas a Marcelle, turismo de aventura, termalismo, etc.

Antón Bao anunciou que se seguirá traballando nesta liña e tamén na modernización da difusión turística, a través de aplicacións para móbiles, tablets e outros dispositivos electrónicos. “Temos que entrar no sector das novas tecnoloxías, que é o futuro por onde se está movendo o turismo”, insistiu.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova