Imprimir

UNHA MESA REDONDA ANALIZA EN LUGO DISTINTAS ALTERNATIVAS PARA LOGRAR UNHA CIDADE MÁIS SOSTIBLE


11/4/2012 A reunión inscríbese nos traballos para a posta en marcha da Axenda 21 Local, un proceso aberto á participación de todos os cidadáns e asociacións

O Centro Social Maruja Mallo acolleu hoxe a cuarta das Mesas Temáticas, centrada no medio ambiente

O Centro Social Maruja Mallo acolleu esta tarde unha mesa redonda onde distintos expertos e membros de colectivos e asociacións veciñais e sociais de Lugo analizaron diferentes alternativas para lograr unha cidade máis sostible e habitable. Esta nova reunión de traballo inscríbese no proceso iniciado o pasado mes de febreiro para a posta en marcha da Axenda 21 Local.

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, que presidiu hoxe esta xuntanza xunto ao responsable de Medio Ambiente do Concello, Lino González-Dopeso, explicou que o obxectivo é “poñer en marcha as políticas públicas necesarias e os distintos instrumentos de ordenación do territorio ao servizo dos cidadáns e do benestar da xente, priorizando as dotacións públicas e a consecución dunha cidade máis humana e habitable”. Paz Abraira defendeu que se deseñen cidades “pensadas para as persoas”.

O proceso para a posta en marcha da Axenda 21 continúa deste xeito coas reunións das distintas mesas de traballo creadas dentro do Foro da Sustentabilidade. Logo da Mesa Temática celebrada hoxe, centrada no medio ambiente, e das celebradas en semanas anteriores sobre ordenación do territorio, servizos sociais e sanitarios e emprego e desenvolvemento económico, o proceso culminará a vindeira semana coa quinta das reunións sectoriais, centrada na participación cidadá na vida pública e a creación de conciencia comunitaria. Esta reunión terá lugar o vindeiro luns ás 20:00 horas.

Estas xuntanzas permitirán elaborar un documento actualizado sobre as prioridades de actuación nos vindeiros anos en cada unha destas áreas, o que constituirá a guía de traballo do Goberno municipal, elaborada coa contribución dos cidadáns. O proceso segue aberto á participación de todas aquelas persoas, asociacións ou colectivos que así o desexen.

www.lugo.es/ws/axenda21