Cargando....
Concello de Lugo
22/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Comezan os traballos da Comisión encargada de poñer en marcha a Escola Municipal de Música


# Luns, 16/04/2012
As persoas que se matriculen nesta Escola, que se situará no Centro Social Uxío Novoneyra, poderán escoller entre 12 instrumentos de vento e percusión e as clases serán impartidas polos músicos da Banda Municipal

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, destaca que este novo servizo vai ser moi demandado polos cidadáns porque permitirá a aprendizaxe musical tanto de nenos e nenas como de persoas maiores

Lugo contará o próximo curso cunha Escola Municipal de Música vinculada á Banda Municipal que impartirá clases de formación musical a persoas de todas as idades. A Comisión técnica encargada de poñer en marcha esta Escola reuniuse hoxe para comezar os traballos, logo de que o Pleno do Concello de Lugo aprobara a pasada semana por unanimidade a creación deste novo servizo aos cidadáns.

Na reunión de hoxe abordouse o proceso formal para a creación da Escola. Para a elaboración do expediente administrativo que debe ir ao Pleno acordouse a creación de catro grupos de traballo: un grupo económico, que traballará na redacción das taxas de matrículas e nas ordenanzas fiscais necesarias; un de persoal, que se encargará do plan de emprego; un grupo xurídico, que se encargará dos estatutos da Escola; e un grupo técnico que elaborará o plan de estudos e o regulamento interno de funcionamento. Estes catro grupos traballarán simultaneamente co obxectivo de que a creación da Escola vaia a Pleno antes do verán. A próxima reunión da Comisión será o vindeiro luns día 23.

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou na Comisión que a creación desta Escola Municipal era un compromiso no Programa de Goberno e a súa posta en marcha vai supoñer un novo servizo para os cidadáns de Lugo. “É un servizo que vai destinado a toda a poboación”, explicou hoxe o tenente alcalde, que afirmou ademais que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

A Escola Municipal de Música estará localizada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal. A Escola de Música comezará a funcionar en setembro pero antes do verán, segundo explicou Antón Bao, abrirase o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan reservar a súa praza. A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico, afirmou o responsable de Cultura do Concello. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

Crear “canteira” para a Banda Municipal

As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagot, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.

Da docencia encargaranse os propios músicos da Banda Municipal, que pasarán a ser traballadores a xornada completa do Concello. Antón Bao destacou que a posta en marcha desta Escola significa “consolidación de emprego e creación de postos de traballo”. Ao mesmo tempo, destacou o tenente alcalde, dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda.

Coñeza a Banda Municipal www.lugo.es/banda
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova