Imprimir

O GOBERNO LOCAL DECIDE NON CONTRAER ESTE ANO O CRÉDITO PREVISTO NOS ORZAMENTOS


18/4/2012 A Xunta de Goberno aprobou a modificación orzamentaria e financiar os investimentos previstos cos remanentes de tesourería porque o Concello pechou 2011 con case que 6 millóns de euros de superávit

O Goberno local aprobou hoxe a modificación das previsións iniciais do Orzamento municipal de ingresos do Concello para 2012 que supón renunciar a concertar a operación de crédito por importe de cinco millóns de euros que estaba prevista nos Presupostos municipais deste ano.

O acordo anunciouno o Voceiro socialista e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, que compareceu xunto coa Concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local.

Como xa avanzara onte a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, o feito de que o Concello pechou o exercicio de 2011 con 5,8 millóns de euros de superávit permítelle á institución acumular un remanente de tesourería de 12 millóns de euros.

Por este motivo, o Goberno Local tomou a decisión de facer unha modificación nas previsións iniciais do Orzamento de ingresos que consiste na renuncia a contraer o préstamo que estaba previsto para este ano e financiar o gasto vinculado a esa operación de crédito cos remanentes de tesourería que son froito da liquidación orzamentaria positiva do ano pasado.

A Xunta de Goberno Local tamén acordou hoxe autorizar a realización de servizos extraordinarios por persoal adscrito a Servizos Sociais para actualizar a base de datos dos usuarios do servizo de axuda no fogar.