Cargando....
Concello de Lugo
01/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao presenta no Conservatorio Profesional de Danza as actividades da I Semana da Danza de Lugo, que se celebrará a vindeira semana


# Xoves, 19/04/2012
É a primeira vez que se celebra e reunirá na nosa cidade ás principais escolas e compañías galegas de danza

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O tenente alcalde nacionalista remarcou o compromiso de apoio ás artes escénicas coa incorporación de espectáculos de danza á programación do Auditorio Municipal

Lugo acollerá por primeira vez a vindeira semana unha Semana de Danza, cun completo programa de actos conmemorativos do Día Internacional da Danza que, dende 1982, se celebra o 29 de abril en homenaxe ao creador do ballet moderno Jean-Georges Noverre. Como acto previo á programación desta I Semana da Danza de Lugo, o tenente alcalde e responsable da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Antón Bao, realizou hoxe unha visita ás instalacións do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na que foi guiado pola directora do centro, Isabel Méndez, e a vicedirectora, Raquel González.

Con esta visita, o edil nacionalista remarca o seu compromiso de apoio ás artes escénicas e, tal e como explicou, “dende a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua levamos meses traballando en colaboración cos axentes implicados para difundir o traballo das escolas e das compañías de danza galegas” e sinalou que “un dos feitos no que se concreta este traballo é que a danza é unha das disciplinas artísticas que figuran na programación do Auditorio Municipal Gustavo Freire”. Lembrou que, ademais, “é unha cousa de pura lóxica que a danza teña especial relevancia en Lugo, sendo a sede da única escola de danza profesional que hai en Galiza”.

O concelleiro aproveitou a ocasión para felicitar polo seu traballo a o equipo de dirección e de profesorado do centro e destacou “a inmensa labor que se fai dende a docencia pola consolidación da cultura galega”. Tamén para os alumnos houbo parabéns, pois “a danza require un esforzo físico e unha disciplina mental admirables”.

Programa da Semana da Danza de Lugo

Para conmemorar o Día Internacional da Danza, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e a Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua organizan unha programación de actos que se desenvolverán do 23 ao 27 de abril. A mostra contará cun encontro de once escolas de danza de toda Galiza, unha homenaxe a Pina Bausch, a estrea de ‘Opening’, un traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, e a representación de ‘Aínda’, a última produción do Centro Coreográfico Galego

O Auditorio Municipal Gustavo Freire será a sede oficial dos actos conmemorativos, excepto para a homenaxe a Pina Bausch, que se celebrará no Centro Comercial As Termas coa actuación do alumnado do conservatorio e a proxección en 3D do filme de Wim Wenders “Pina”.

A I Semana da Danza de Lugo comezará o luns 23 de abril coa homenaxe á destacada bailarina e coreógrafa alamana Philippina Bausch (Solingen, 1940 - Wuppertal, 2009), coñecida artisticamente como Pina Bausch, e considerada unha das grandes figuras da danza internacional contemporánea. Ao día seguinte, o martes 24 de abril, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá un Concurso Coreográfico, que consistirá na presentación dos traballos coreográficos sobre Pina Bausch do alumnado do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

O mércores 25 terá lugar o acto colectivo de conmemoración do Día Internacional da Danza 2012 coa participación de once centros de ensino de danza de toda Galiza: Asociación Cultura Mundo Danza de Ferrol, Ballet Studio de Santiago de Compostela, Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Compañía de Danza da USC-Lugo, Escola de Danza Contemporánea de Narón, Escola de Danza Deborah de Vigo, Escola de Danza Druída de A Coruña, Escola Municipal de Danza de Oleiros, Escola Municipal de Danza de Ponteceso e Danza Susana Castro de Vigo. Será ás 19:00 horas no Auditorio Gustavo Freire con entrada de balde. En total participarán no espectáculo máis de 100 bailaríns e bailarinas de toda Galiza.

Con este encontro a nivel galego conmemorarase o Día Internacional da Danza, proclamado pola Unesco en 1982 e que se celebra todos os 29 de abril. Foi establecido polo Comité de Danza do Instituto Internacional do Teatro da Unesco co fin de atraer a atención sobre a arte da danza. Foi instituído a partir da proposta do mestre ruso Piepor Gusev de Leningrado, de homenaxear ao gran innovador do ballet clásico, o coreógrafo francés Jean Georges Noverre, nacido o 29 de abril de 1727, quen foi o máis grande coreógrafo da súa época, e está considerado o creador do ballet moderno ou neoclásico. É un día de festa que celebran todos os países do mundo con espectáculos especialmente dedicados á danza a través de: clases abertas, ensaios ao aire libre, conferencias, exposicións, publicacións en diarios e revistas, bailes populares, programas en radio e TV, espectáculos rueiros, entre outros.

Representación da última produción do Centro Coreográfico Galego

O xoves 26 de abril terá lugar a representación de Aínda, última produción do Centro Coreográfico Galego, e ao día seguinte, o venres 27 será a estrea de Opening, unha viaxe ao mundo interior da muller a través da natureza e do son, presentado nun traballo multidisciplinar de música, danza, poesía e imaxe polas alumnas de Grao Profesional da especialidade Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo xunto co percusionista Diego Ventoso.

Antón Bao avanzou ademais que a programación de danza no Auditorio Gustavo Freire non se limitará a esta semana especial, senón que terá continuidade nos vindeiros meses. “Iniciamos as actividades de apoio á danza o 19 de xaneiro coa clase maxistral do famosísimo bailarín e coreógrafo Ángel Corella e despois de celebrar esta Semana da Danza o auditorio de Lugo dará cabida a outros proxectos artísticos relacionados co mundo da danza. No mes de maio teremos o espectáculo Latexo da compañía lucense Proxecto Danza e no mes de xuño, dentro da 40 edición da Semana de Música do Corpus, haberá unha representación do Quebranoces”, avanzou o responsable de Cultura.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova