Imprimir

A COMISIÓN DE CONTAS APROBA, COA ABSTENCIÓN DO PP, QUE O CONCELLO NON SUBSCRIBA ESTE ANO UN CRÉDITO PARA FINANCIAR INVESTIMENTOS


19/4/2012 Este venres ábrese o prazo de pagamento en vía voluntaria do IBI

A Comisión Especial de Contas e Ordinaria de Economía, Emprendemento, Autónomos e Educación celebrou hoxe unha sesión extraordinaria e urxente na que se aprobou inicialmente a modificación orzamentaria no que atinxe ás previsións iniciais do Presuposto de ingresos do Concello para este ano. Tamén se deu conta da liquidación do Orzamento do Concello de 2011, que pechou cun superávit de 5,8 millóns de euros.

Os dous asuntos trataranse na sesión plenaria extraordinaria que vai celebrar a Corporación municipal o vindeiro luns, día 23 de marzo.

O resultado positivo do pasado exercicio vaille permitir ó Concello financiar este ano os investimentos previstos con parte do remanente de tesourería acumulado e diminuír así o endebedamento municipal, xa que non se vai contraer a operación de crédito prevista inicialmente no Presuposto. Ese é precisamente o obxecto da modificación orzamentaria que aprobou inicialmente a Comisión de Contas.

O acordo tomouse coa abstención do Partido Popular que mesmo se abstivo na votación da urxencia da propia reunión da Comisión a pesar de tratarse dun paso imprescindible para poder acometer canto antes o Capítulo 6 do Orzamento municipal no que figuran os investimentos adicados a obras nos barrios e na zona rural.

Imposto de Bens Inmobles

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos tamén comunica que mañá, venres día 20 de abril, abrirase o prazo de pagamento en vía voluntaria do Imposto de Bens Inmobles.

Este ano poñeranse ó cobro 86.598 recibos de natureza urbana por importe de 20.010.817,43 euros e 13.815 recibos de rústica por importe de 11.031,29 euros.

Na urbana póñense ó cobro 880 recibos máis que o ano pasado, o que representa unha porcentaxe do 1,03% de aumento. O importe total previsto sobe en 2.856.412 euros, é dicir un 16,65%, motivado polo maior número de recibos e, sobre todo, polo aumento do 10% que o Concello está obrigado a aplicar a este imposto por decisión do Goberno de España.

Como é sabido, o Concello, logo de varios anos con este imposto conxelado, acordara actualizalo este ano de acordo co IPC pero o Goberno central obrigou ós concellos a aplicar un aumento no IBI do 10%.

O prazo de pagamento en vía voluntaria estará aberto entre o 20 de abril e o 20 de xuño. Como novidade, as persoas que domiciliaran o imposto poderán fraccionar o pago. Neste caso, pasaráselles ó cobro os días 5 de xuño e 5 de setembro.